+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

As obras na rede de saneamento comezaron pola rúa do Adro e seguirán por Juan Carlos I


O proxecto ten un orzamento de 124.000 euros que financia o Concello a través do Plan Municipal de Investimentos de 2014

O Concello comezou hoxe a executar as obras do proxecto de mellora da rede de saneamento municipal ao que se destinan 124.000 euros do Plan Municipal de Investimentos de 2014. Os traballos afectarán a cinco tramos da rede nos que na actualidade se rexistran problemas de mal funcionamento ou nos que é preciso ampliar o servizo. As obras comezaron pola Rúa do Adro, en Cornazo e continuarán pola avenida Juan Carlos I.

Poñer fin a puntos problemáticos no funcionamento da rede municipal de saneamento, incidir no correcto mantemento da mesma e continuar ampliando o servizo a novas zonas do Concello son os obxectivos da actuación iniciada hoxe. Ademais da Rúa do Adro e de Juan Carlos I, actuarase na Avenida López Ballesteros, no cruce de Rosalía de Castro 65 e na Rúa Figueira (detrás de Fexdega).

As obras nas zonas da periferia centraranse na ampliación da rede de saneamento e pluviais mediante a instalación de novos tramos. Na Rúa Figueira colocarase un novo traxecto de nova rede de recollida de pluviais e que se conectará á existente. E na Rúa do Adro, ademais de instalar un novo tramo de recollida de pluviais, construiranse os sistemas de descarga a leito fluvial e colocarase nova rede de saneamento con acometidas a fincas e enganche coa rede actual.

As obras previstas no tramo comprendido entre os número 1 e 15 de Xoán Carlos I consistirán na substitución da condución da rede de saneamento e acometidas ás fincas lindantes. Unha actuación similar levarase a cabo entre os números 16 e 30 de López Ballesteros, onde tamén se realizará a conexión coa rede existente. Por último, la avenida Rosalía de Castro actuarse nun punto concreto no que se detectou o precario estado da rede. Os traballo aquí concentraranse no cruce á altura do número 65 onde se substituirán as canalizacións actuais por outras novas.

Reposición de firme e substitución do abastecemento de auga

O proxecto inclúe un tratamento especial para as obras a desenvolver en tramos de vías que soportan un importante fluxo circulatorio, como no cruce de Rosalía de Castro e en Xoán Carlos I onde, unha vez rematada a obra do saneamento, prevese o fresado da capa de rodadura do firme en toda a sección transversal da vía e o asfaltado do mesmo. Tamén se reporá toda a sinalización horizontal.

Aproveitando as obras en Xoán Carlos I, a empresa concesionaria do abastecemento da auga tamén renovará a súa rede nese mesmo tramo.

O proxecto ten un prazo de execución de 3 meses e, unha vez recepcionada a obra por parte do Concello, abrirase un prazo de garantía de 12 meses durante os cales, calquera deficiencia ou avaría debe ser arranxada e asumido o seu custe por parte da adxudicataria.

Deja un comentario