+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O CONCELLO IMPULSA TRES LUDOTECAS CON MÁIS DUN CENTO DE PRAZAS EN CARBALLEDO, TENORIO E CERDEDO


 

Desenvolveranse de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas no mes de xullo para as dúas de Cotobade e no de agosto para a de Cerdedo

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de impulsar novamente tres ludotecas de verán que se desenvolverán nas localidades de Carballedo, Tenorio e Cerdedo con máis dun centro de prazas e que pretenden favorecer a conciliación durante o período estival. Esta triple actividade enmárcase no plan municipal para axudar ás familias no eido laboral durante as vacacións dos cativos e ao abeiro do mesmo tamén está proxectado o campamento, con réxime de pernocta, Campalledo 2018.

As tres ludotecas, que está orientadas a rapaces de 4 a 12 anos, xa teñen aberta a súa inscrición, que terá un custo de 15 euros e na que haberá prioridade para os rapaces empadroados no municipio. A matrícula permanecerá dispoñible ata o vindeiro 25 de xuño e pode formalizarse na OMIX de Carballedo ou no Departamento de Servizos Sociais da sede administrativa de Cerdedo, realizándose por orde de achega.

As ludotecas de Cotobade desenvolveranse do 2 ao 31 de xullo de luns a venres entre as 9.00 e as
14.00 horas e terán lugar no edificio multiusos de Carballedo e no CEIP de Tenorio, con 40 prazas en cada caso, mentres que a de Cerdedo, con capacidade para 30 nenos, será do 1 ao 31 de agosto no pavillón municipal e contará co mesmo horario.

Na súa programación mistúranse actividades lúdicas e educativas que pretenden impulsar os xogos, a creatividade, o deporte, o reforzo das linguas galega e inglesa, o traballo en grupo, a educación en valores e os hábitos saudables. Para elo, organizaranse xogos novos e tradicionais, competicións, actividades interactivas, obradoiros, animación á lectura, saídas e roteiros.

Por outra banda, e tamén no marco das accións de conciliación estival, o Concello segue a ter aberta, ata o vindeiro día 16, a inscrición en Campalledo 2018, que se celebrará en dúas quendas: unha para cativos de 7 a 11 anos entre o 8 e o 14 de xullo e outra para nenos de máis de
12 fixada entre o 15 e o 21 de xullo. Cada unha delas conta cun límite de trinta prazas.

Deja un comentario