+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

A XUNTA REHABILITARÁ DÚAS ANTIGAS CASAS DE MESTRES EN LOUREZA, EN OIA, CUN INVESTIMENTO AUTONÓMICO DUNS 75.000 EUROS, PARA DESTINALAS A ALUGUEIRO DAS FAMILIAS QUE MÁIS O NECESITAN


O Goberno galego financiará o 90 % da rehabilitación destes inmobles para obter dous fogares de dous dormitorios que o Concello de Oia alugará ás familias con recursos limitados

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda rehabilitará dúas antigas casas de mestres en Loureza, en Oia, cunha achega autonómica de case 75.000 euros, para destinalas a alugueiro das familias que máis o necesitan.

Unha vez executadas as actuacións, cun orzamento total de 100.000 euros, o Concello de Oia contará con dúas novas vivendas, de 2 dormitorios e arredor de 70 m², para alugalas ás familias con ingresos limitados.

Estes inmobles van ser rehabilitados a través dun novo programa do Executivo autonómico que contempla axudas para que concellos de menos de 20.000 habitantes poidan restaurar as antigas vivendas de mestres e outros oficios e obter fogares en alugueiro. O Goberno galego achega ata o 90% do custo das obras necesarias.

Esta liña de axudas ten un triplo obxectivo: social, pois dá facilidades de acceso á vivenda ás familias; de potenciación e desenvolvemento do rural; e económica e ambiental, xa que a rehabilitación é máis sostible que a construción de vivenda nova e xera máis emprego por euro investido.

Na convocatoria de 2017 concedéronse o 100% das axudas solicitadas e esgotouse o crédito correspondente á anualidade de 2018, por un importe de 524.000 euros. Debido ao grande interese que espertou a medida, na convocatoria de 2018 incrementouse a partida máis do 80%, ata chegar a case 1 millón de euros.

Ata o momento lévanse concedidas axudas por importe de medio millón de euros que permitirán que 6 concellos poidan rehabilitar 14 vivendas e destinalas ao alugueiro para familias con menos recursos. Ademais, a Xunta está a tramitar as solicitudes doutros 5 concellos e agarda que haxa máis municipios que se acollan a este programa.

Deja un comentario