+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA APROBA NOVOS INVESTIMENTOS POR PRETO DUN MILLÓN DE EUROS PARA OUTROS CATRO CONCELLOS DA PROVINCIA


A Xunta de Goberno aprobou achegas, ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos, para Lalín, Silleda, Ponte Caldelas e Tomiño

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar catro novas achegas para os concellos de Lalín, Silleda, Ponte Caldelas e Tomiño, ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018, por un total de 975.516,34 euros.

Así, Lalín recibirá da Deputación de Pontevedra unha achega de 223.311,91 euros cos que poderá financiar o investimento para a humanización da rúa Wenceslao Calvo Garra. Tal e como informou Carmela Silva en rolda de prensa, “con esta achega, Lalín xa ten recibido 978.602,06 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 64,96% do plan provincial”.

Pola súa banda, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou para Silleda unha achega de 114.327,89 euros cos que poderá financiar a compravenda dunha parcela á Fundación Semana Verde de Galicia, destinada á instalación dun centro de produción e abastecemento enerxético. Con esta achega, Silleda recibiu xa 559.679,37 euros do Plan Concellos 2018, o 74,10% do Plan.

Para Ponte Caldelas, a Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 287.876,54 euros cos que poderá financiar a humanización dos xardíns de Xerardo Carballal. Deste xeito, Ponte Caldelas xa ten recibido 381.784,67 euros do Plan Concellos 2018, isto supón o 68,44%.

Por último, Tomiño recibirá unha achega de 350.000 euros para realizar unha mellora das instalacións no Campo de Fútbol do Alivio. Con este investimento, Tomiño xa recibiu 477.327,45 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 38,91%.

Este ano a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.

Deja un comentario