+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

A XUNTA FOMENTA O ACCESO DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE VISUAL AOS VALORES DA CULTURA MARIÑEIRA A TRAVÉS DA NAVEGACIÓN TRADICIONAL


A publicación amosa diversas formas de gozar do mar para persoas invidentes a través de maquetas e planos en relevo co nome das partes do barco en braille, entre outras

directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou na presentación da publicación Sentir o Mar, achegándonos ao mar con sentidos realizada no Club Náutico de Aguete, en Marín. Posteriormente, navegou cun grupo de integrantes da ONCE en embarcacións tradicionais adaptadas para as persoas con discapacidade visual.

Nela, a directora xeral enxalzou a esencia da publicación que permite “superar barreiras e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade visual”. Destacou ademais que “é gratificante saber que hai profesionais e persoas tan comprometidas co desenvolvemento da sociedade para transmitir os valores da nosa cultura mariñeira a través da navegación tradicional”.

Neste sentido, trasladou o seu agradecemento ás persoas que fixeron posible esta publicación porque permite “traballar a prol da integración social, a inserción laboral e a igualdade de oportunidades” e ofrécenlle ás persoas con discapacidade visual unha nova actividade de ocio segura e atractiva.

Finalmente, a directora xeral explicou que o libro recolle o traballo realizado por un equipo de profesionais do ámbito educativo e social e demostra distintas formas de vivir o mar para as persoas invidentes. Así, durante a navegación, entregóuselle ao grupo da ONCE unha maqueta a escala da embarcación na que navegaron para que recoñecesen as partes do barco dunha forma doada. Ademais, déronselle unhas “láminas fuser” –planos impresos nun papel especial que despois de pasar por un forno de calor se converte nun relevo- que permitiron completar a descrición do barco cos nomes de cada parte en braille e finalmente realizaron un percorrido guiado pola embarcación.

O libro naceu promovido pola Consellería do Mar coa colaboración da Fundación ONCE e o Concello de Marín e está financiado polo programa europeo EcoDestin da Asociación Galega de Actividades Náuticas e a Axencia Global de Acreditación Náutica (AGAN+), que ten como obxectivos fundamentais dinamizar a náutica galega e converter a Galicia nun destino náutico por excelencia, aproveitando a súa riqueza natural e patrimonial.

Deja un comentario