+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O CLUB DEPORTIVO CHOCO CAMPIÓN DA COPA DEPUTACIÓN MASCULINA DE FÚTBOL


O equipo de Marcos Montes gañou a final por 4-1 ao Estudiantil da Estrada e aumenta a súa lenda ao celebrar no Lourambal un póker de títulos consecutivos

A presidenta da Deputación, Carmela Silva entregou os trofeos elaborados este ano pola Escola de Cantería e invitou ao numeroso público a asistir mañá en Gondomar á final da Copa feminina as 17.00 nas Gaiandas

Póker de títulos para o Club Deportivo Choco, que xa é equipo récord da Copa Deputación ao impoñerse no Lourambal, con excelente entrada, ao Agrupación Estudantil (4-1). O equipo de Redondela era o favorito (un 3ª División fronte a un Preferente Norte) para sumar o seu cuarto título consecutivo e así o demostrou ao sumar a súa vitoria número 25 no torneo provincial desde que iniciou a súa senda triunfal pola proba en 2015 e deixou sentenciada a final ao sexto minuto de xogo, o que tardou Pablo Couñago en marcar.

Ben certo é que o Estudantil saíu con timidez, pouco que ver co equipo que loitou no duelo da Estrada ante o Estradense, noutra gran xornada da Copa Deputación. Esta vez, os de Gelucho mostráronse pouco expeditivos atrás e Couñago plantouse só para tentar a vaselina ante Brais, que puido tocar, pero o “9” redondelán non perdoou no rebote: remate de cabeza e gol. O Estudantil non combinaba e o Choco, cun sólido centro do campo, creaba ocasións. Couñago tería outro man a man, insistía en picar o coiro e Brais atallábao. O dianteiro centro acaba o torneo con 6 tantos e co oficioso título de “pichichi”. Os de Marcos Montes mandaban e creaban moito perigo polas bandas, especialmente pola de Chiqui. O gol víase vir e chegou. Davicín fusilaba o 2-0 tras acción persoal de Comis. Nunha galopada, Chiqui sumaba o terceiro. E o cuarto. Cheiraba a maior goleada.

Con 4-0 ao descanso e apenas un croque de Caraban e un disparo desviado de Jacobo, a afección do Estudantil pedía ao seu equipo máis ímpeto. Escoitáronlles no segundo período. A eles e ao seu adestrador, Gelucho. E antes de concluído o primeiro minuto do segundo período o Estudantil marcaba o gol da honra en xogada pola banda dereita. Rial anotaba tras rexeite do meta ao disparo de Alberto. O Choco contemporizou, a Couñago foille anulado un gol por fóra de xogo e o seu substituto, Escobar, tivo dúas ocasións moi claras para marcar. Non era o seu día e si o de Brais, a excelente meta estradense. O Estudantil non baixou os brazos, tentou marcar un segundo tanto por medio de Brais ou de Jacobo, pero tivo que conformarse con chegar á final. O Choco xa é lenda na Copa Deputación.

Choco: Adrián; Yago, Rubén, Lucas, Xián, Alberto Suárez ( Javi, min. 75), Rancaño, Comis, Davicín (Vilas, min. 58), Pablo Couñago (Escobar, min. 68) e Chiqui.

Estudantil: Brais; Jacobo, Diego Pena, Caraban (Carlos, min. 56), Mateo, Guille ( Roi Peiteado, min. 22), Bruno (Fran, min. 81), Fer (Alfonso, min. 46), Brais Calvo, Alberto e Rial (Denis, min. 84).

Goles: 1-0 ( min. 6), Couñago. 2-0 ( min. 15), Davicín. 3-0 ( min. 20), Chiqui. 4-0 ( min. 25), Chiqui. 4-1 ( min. 46), Rial.

Árbitro: Rubén Estremadura (comité galego). Amoestou polo Choco a Xián e Rubén, e polo Estudantil a Alfonso, Carlos e Jacobo.

Incidencias: Municipal do Lourambal. Boa entrada, con afeccionados do Estudantil desprazados desde A Estrada. Carmela Silva, presidenta da Deputación, fixo entrega do novo trofeo en pedra da Escola de Cantería ao capitán do Choco. A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, entregou o do finalista.

Deja un comentario