+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

O CONCELLO ESTUDARÁ AMPLIAR AS PRAZAS DO SEU PROGRAMA CALDELAS VIAXA DIANTE DA FORTE DEMANDA


A excursión prevista para o próximo 1 de xullo completouse en só tres horas e 50 persoas quedaron en listaxe de espera

O Concello de Ponte Caldelas estudará a posibilidade de incrementar o número de prazas dispoñibles para o programa Caldelas Viaxa, que naceu hai tres anos e consiste en seis excursións ao longo do ano, incluíndo unha dunha fin de semana completa.
Abriuse o prazo para a inscrición da terceira saída do ano, que será a Ortigueira e Cariño, incluíndo visitas ao faro de Estaca de Bares, cabo Ortegal e tamén ao “banco máis bonito do mundo” nos cantís de Loiba. As prazas dispoñibles, un total de 160, cubríronse en só tres horas. O Concello, que recibiu un total de 210 peticións, rexistrou ás 50 persoas que quedaron fóra nunha listaxe de espera por se hai renuncias de última hora.
As bases do programa, aprobadas polo Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) establecen que a inscrición realízase por orde de entrada das solicitudes. Ademais, este ano esíxese acreditación do ingreso da cota correspondente á comida, posto que todos os demais gastos son asumidos polo Concello. Finalmente, tamén como novidade limítase cada solicitude a un máximo de 5 persoas para garantir a transparencia e o acceso en igualdade de condicións ao programa.
Aínda así, a demanda non para de crecer. O éxito do Caldelas Viaxa obriga a repensar o programa para a próxima edición, pero tampouco se descarta modificar as bases con vistas ás últimas saídas do ano. O Concello, que ata o de agora viña contratando tres autobuses, podería, deste xeito, ampliar o número a catro. Ao mesmo tempo, tentará de buscar sempre restaurantes con capacidade superior aos 200 comensais, circunstancia que introduce un novo reto organizativo.
O alcalde subliña que a forte demanda ten orixe na calidade das excursións programadas por Ponte Caldelas, con destinos coidados e unha atención esmerada durante toda a viaxe. “Aquí xerouse un ambiente de satisfacción dos participantes, que xa son habituais porque repiten en todas as nosas excursións, e iso provocou un efecto boca-orella que fai que cada vez teñamos máis xente interesada”.
Tanto é así, explica Díaz, que aínda que o programa está limitado a persoas empadroadas en Ponte Caldelas, cada vez hai máis solicitudes da veciñanza de concellos próximos, que só poden atenderse no moi improbable caso de que quede unha praza libre. Nesta última excursión, das 50 persoas en listaxe de espera, 10 proceden doutros municipios.

Deja un comentario