+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA PON EN MARCHA ESTE XOVES A SEGUNDA EDICIÓN DO COWORKING DE BARRO


A nova edición do coworking, froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial, contará coa participación de 20 proxectos emprendedores

A presidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción “porque 13 dos 20 proxectos están liderados por mulleres o que manifesta que as mulleres, nesta provincia, están a converterse en protagonistas do desenvolvemento económico”
A Deputación de Pontevedra, tralo éxito colleitado pola primeira edición do coworking de Barro, pon a funcionar este xoves a segunda edición desta iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo. En total, participarán no coworking 20 proxectos emprendedores que se situarán no espazo do Viveiro de empresas de Barro durante cinco meses de xeito totalmente gratuíto.

A presidenta da institución provincial amosou a súa satisfacción ao ver que 13 dos 20 proxectos emprendedores que se asentarán en Barro están liderados por mulleres. Segundo afirmou Silva, este feito responde a que “as mulleres, nesta provincia, están a converterse en protagonistas do desenvolvemento económico”.

En total, os proxectos que comezan a desenvolverse desde este xoves en Barro centraranse en eidos como a psicoloxía, a publicidade online, a radio, o ensino, a internacionalización, a arqueoloxía, a nutrición e a saúde, o turismo, a avogacía, a selección de persoal, a tecnoloxía ou a fotografía.

A Deputación de Pontevedra ofrécelle a estas novas emprendedoras e emprendedores un espazo gratuíto durante cinco meses no Viveiro de empresas de Barro, onde recibirán acompañamento individualizado e accións formativas especializadas para garantir o éxito dos seus proxectos. Máis polo miúdo, a cada proxecto destinarase 40 horas de mentorización persoalizada na que se traballarán conceptos esenciais para o desenvolvemento da súa idea empresarial, desde o deseño do modelo de negocio, ata a análise de mercado ou a viabilidade económica, dando resposta ás necesidades que vaian xurdindo ás persoas emprendedoras ao longo dos cinco meses.

Ademais, tamén se van desenvolver 60 horas de formación especializada a través de obradoiros e sesións formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e xestión de proxectos. Neste contexto, abordaranse cuestións relativas ás habilidades de comunicación e negociación, ás competencias emprendedoras, á creatividade e innovación aplicada ao mundo empresarial, á metodoloxía Lean StartUp adaptada ao modelo de negocio, a como poñer en marcha un plan de marketing dixital, á viabilidade económica, á toma de decisión e á creacións de alianzas.

Por outro lado, as persoas participantes nesta segunda edición do coworking de Barro poderán acceder a un amplo abanico de servizos de emprendemento que promove a Deputación . Máis polo miúdo, as emprendedoras e emprendedores poderán acceder, de maneira gratuíta, ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital), que está situado no mesmo espazo do viveiro de Barro, e onde se dispón de equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc.). Nestes laboratorios desenvolveranse unha completa programación de talleres específicos de Arduino e fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía. Deste xeito, calquera emprendedor ou emprendedora que o precise poderá experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións. Amais, e tamén no marco do FabLab, celebrarase unha “Jam” para a creación de solucións de forma conxunta a un reto que se lles proporá ás persoas que asistan.

Finalmente, e como peche da edición, o goberno de Carmela Silva organizará un “Demo Day” durante o cal se presentarán os proxectos participantes na segunda edición do coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

O obxectivo principal do coworking é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores que participen nestes espazos compartidos nun período limitado de tempo, identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento. Desta forma, a EOI e a Deputación de Pontevedra buscan que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.

O viveiro de empresas de Barro dispón dun espazo de coworking de 125 metros cadrados, que conta con postos de traballo, unha zona para descanso e networking, e unha sala de reunións.

Deja un comentario