+034 986 09 02 04 Luns 15 de Outubro de 2018

A BANDA ITALIANA DE SKA-PUNK TALCO ABRIRÁ O SONRÍAS BAIXAS 2018 O XOVES 2 DE AGOSTO


A organización anuncia cartel por días, con Talco, Revolta Permanent e Assekes o xoves 2; La Raíz, Desakato, Che Sudaka, Terbutalina e Sara Hebe o venres 3; e Berri Txarrak, Gatillazo, Muchachito, Muerdo e The Skarnivals o sábado 4 de agosto

A banda italiana de ska-punk Talco abrirá, o xoves 2 de agosto, unha XVI edición do SonRías Baixas que encherá de novo Bueu de festivaleiros coa súa infalible mestura de boa música, gastronomía e praia. A organización do festival, que nos seus 16 anos de vida se ten convertido en toda unha referencia do verán en Galicia e no resto da península, ven de anunciar a distribución por días do seu completo programa musical, con Talco, Revolta Permanent e Assekes o xoves 2; La Raíz, Desakato, Che Sudaka, Terbutalina e Sara Hebe o venres 3; e Berri Txarrak, Gatillazo, Muchachito, Muerdo e The Skarnivals o sábado 4 de agosto. Sae hoxe á venda na web do festival un número limitado de entradas de día por 18 € máis gastos o xoves e 25 € máis gastos o venres e sábado, mentres que o abono para os tres días custa 40 € máis gastos, coa acampada incluída.

Ska, punk, rock, folk, música balcánica… no Punkchanka de Talco caben todos os xéneros, sempre que se presten ao baile e á crítica política. Nacida en Marghera, un barrio industrial das aforas de Venecia coñecido por acoller unha das maiores rebelións obreiras da historia de Italia, esta banda alternativa leva máis de dez anos cultivando éxitos por toda Europa co seu imparable apetito pola festa e pola troula, dentro do marco da reivindicación anti-fascista, anti-racista e anti-capitalista.

Os Talco ofrecerán no SonRías Baixas o seu único concerto nos festivais de verán galegos e farano cun novo disco debaixo do brazo. And the winner isn’t, publicado en febreiro deste 2018, abrirá no Escenario Super Bock o completo cartel musical da XVI edición do Festival SonRías Baixas, que inclúe a única cita galega da xira de despedida da big band valenciana La Raíz; o potente directo dos rockeiros referentes da música en euskera Berri Txarrak; as cancións libertarias e cheas de humor dos Gatillazo, cos que Evaristo Páramos mantén máis vivo ca nunca o espírito de La Polla Records; a descarga enerxética dos Desakato, que veñen de gañar o Premio ao Mellor Directo de España e Portugal nos Iberian Festival Awards; a particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría de Muchachito; a principal voz do underground suramericano do momento, Sara Hebe; a peculiar fusión de folclore latinoamericano con ritmos xamaicanos e actitude punk dos Che Sudaka; os enfants terribles do garage punk galego, Terbutalina; os habitantes do universo ska, punk e folk The Skarnivals; e unha selección das mellores bandas emerxentes do momento. A canción de autor urbana e mestiza de Muerdo, o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent e o ska valenciano de Assekes farán que, como sempre, o público do certame marche de volta cunha nova descuberta musical.

A música é a súa gran protagonista e, por iso, o festival ofrece unha programación fresca e orixinal que combina artistas consagrados do panorama nacional e internacional con formacións novísimas que a organización descobre cada ano para a súa parroquia “festivaleira”. A única consigna é facer vibrar ao público con concertos potentes, divertidos, combativos…. inolvidables.

Pero o Destino SonRías é moito máis. O festival está feito por xente que sinte paixón pola música, pero tamén pola gastronomía, polo humor e polo audiovisual. Todos estes elementos teñen o seu espazo no festival, que ademais ten lugar nunha contorna paradisíaca, con impresionantes praias –algunhas a apenas cen metros do recinto e a zona de acampada– e espectaculares espazos naturais como o cabo Udra ou a illa de Ons a tiro de pedra en transporte marítimo. A primeira fin de semana de agosto, a boa música, o audiovisual, o humor e a mellor gastronomía galega cítanse en Bueu, no corazón das Rías Baixas.

E, para quen precise descansar, o recinto do SonRías Baixas atópase no medio da vila de Bueu, o que resulta moi cómodo e accesible. A zona de acampada ten duchas e aseos, servizo de restauración e alimentos de primeira necesidade e zona de carga de teléfonos móbiles e está a un paso a pé da praia urbana da localidade.

 

Todas as bandas confirmadas

Ska, punk, rock, folk, música balcánica… no Punkchanka de Talco caben todos os xéneros, sempre que se presten ao baile e á crítica política. Nacida en Marghera, un barrio industrial das aforas de Venecia coñecido por acoller unha das maiores rebelións obreiras da historia de Italia, esta banda alternativa leva máis de dez anos cultivando éxitos por toda Europa co seu imparable apetito pola festa e pola troula, dentro do marco da reivindicación anti-fascista, anti-racista e anti-capitalista. Talco volve ao SonRías Baixas cun novo disco debaixo do brazo. And the winner isn’t, publicado en febreiro deste 2018, dálle al clásico Punkchanka da banda un matiz moito máis punk rock de corte californiano, introducindo cores folk que nos recodarán algúns momentos de Mazel Tov, o álbum que lanzou a banda hai case 10 anos. Trátase dunha viaxe ao interior do espectáculo da degradación humana, moral e política. Unha expresión de pesimismo sobre a natureza humana en todos os aspectos da vida cotiá, na idade da falta de cultura e do desenvolvemento do control social a través das redes.

Nos volveremos a ver é o irónico nome da xira de despedida de La Raíz, que terá este verán no SonRías Baixas a súa única parada en Galicia. A big band valenciana, considerada a número un da escena mestiza e comprometida do Estado español, chegará a Bueu para facer vibrar a todos os festivaleiros e festivaleiras co seu directo único e arrollador que transcende estilos e etiquetas. Rock, ska, hip hop, ventos, distorsión, letras comprometidas e melodías vocais caracterizan un tremendo e exitoso directo que fará ao público berrar, máis alto ca nunca, o lema da banda: “¡guerra al silencio!”.

A carreira de Berri Txarrak é ao mesmo tempo exemplo de compromiso cuns ideais e de exploración permanente. Nos seus vinte e catro anos de traxectoria mantéñense unha visión crítica e incisiva da realidade nas súas letras e a inspiración á hora de construír melodías de voz emocionantes, mentres no musical demostran a cada paso a clara vontade de non repetirse e buscar os límites do rock. Nos seus inicios estaban máis próximos ao metal, pero progresivamente foron introducindo influencias do pop e rock alternativo (Nirvana, Weezer), ou achegándose ás veces ao punk e ás veces ao stoner. O resultado son concertos tan cheos de épica e rotundidade como de sensibilidade. Hai uns meses apareceu o noveno álbum de Berri Txarrak, Infrasoinuak, publicado no seu propio selo. Nesta ocasión atopámolos máis próximos ao punk rock e atentos no lírico a problemas contemporáneos como a crise dos refuxiados ou a corrupción. A cargo da produción estivo o mítico Bill Stevenson (Black Flag, Descendents), un nome destacado na impresionante (e ecléctica) lista de produtores e bandas coas que Berri Txarrak ten colaborado: dende La M.O.D.A. a Steve Albini (Pixies, Nirvana), dende Ricky Falkner (Love of Lesbian) ou Ross Robinson (Slipknot) a Rise Against ou Boikot, o grupo vasco gañou o respecto e admiración de públicos ben diversos e leva xa con xustiza a categoría de clásico.

A estas alturas queda pouco por dicir sobre Evaristo Páramos. Igual de punk (ou máis) cada ano que pasa, leva en guerra contra todo dende que en 1979 fundou os míticos La Polla Records, utilizando as súas cancións libertarias e cheas de humor como armas coas que disparar contra a inxustiza e a estupidez. Dende 2004 faino con Gatillazo, orgulloso de continuar coa mesma mala hostia porque “o inimigo é o de sempre”. O capitalismo, a policía, os nacionalismos ou o fascismo teñen sido desmontados nunha crítica crónica social que, tristemente, segue a ser necesaria. Pero que ao mesmo tempo nos trae periodicamente novos temazos cos que berrar e afrontar o estado das cousas. No recente sexto disco de Gatillazo, Cómo convertirse en nada, preséntase a situación actual despois da crise como un escenario post-apocalíptico. Desta vez, no punto de mira están novos elementos (as redes sociais, o mito da eterna xuventude) e outros de sempre como a Transición española, os tertulianos ou a alienación cotiá. Todo coa habitual enerxía, a habitual clarividencia e a mesma sensación de perigo. Unha experiencia que hai que vivir en concerto.

O quinteto asturiano Desakato ten como selo de identidade os sons contundentes que fusionan con estilos e matices de diversa índole. Desakato é sinónimo de toques hardcore, aínda que tamén de espírito de loita e de moito rock and roll inspirado nun son sesentero. Despois de encher salas alá onde pasan e ter actuado en festivais coma o Derrame Rock, Viña Rock, Resurrection Fest, Tsunami Xixón, Pintor Rock, Cabo de Plata ou o Música Eñe de Londres, chegarán ao SonRías Baixas con “Antártida”, o seu sexto traballo de estudio baixo o brazo. Nel poderedes atopar unha chea de letras reivindicativas nas que son protagonistas temas coma o cambio climático, o dano o ser humano lle fai ao medio ambiente e a sociedade na que vivimos, na que reinan a pasividade e o inmovilismo. Os directos son, sen dúbida, o seu punto forte e os que xa os coñecen non foron quen de quedar indiferentes ante os seus trallazos sonoros.

Dise que aos seis anos Muchachito xa sabía que quería ser guitarrista e cantaba na casa imitando a Peret ou Michael Jackson. Moitos anos despois, parece ter atopado o seu lugar entre os dous cunha batidora de estilos: están esas guitarras facendo o “ventilador” da rumba catalana, pero tamén a velocidade do rockabilly dos Stray Cats, a capacidade pop para facer estribillos memorables e, sobre todo dende o seu último disco (“El jiro”), uns aires funky que fan a súa música incluso máis bailable. Sexa con algunha das súas impresionantes bandas ou acompañado simplemente do seu famoso bombo, Muchachito ten o carisma que dá a paixón sincera polo que fai. Velo é pura alegría. Dende os seus inicios en Trimelón de Naranjus hai máis de vinte anos, a outra constante aparte do entusiasmo e o baile é a imaxinación: nos seus concertos pode pasar calquera cousa. Ás veces aparece o artista Santos de Veracruz pintando un cadro no escenario, ás veces atopámolo tocando no metro ou nunha furgoneta, con calquera tipo de artiluxio ou coa colaboración dunhas amizades que impresionan: Kiko Veneno, La Bien Querida, Estopa, Albert Pla, Bebe… Ultimamente pódeselle ver abrindo, colaborando e poñendo a xente a bailar na xira de Fito y Fitipaldis. En que formato o veremos no SonRías? Sorprenderanos coma sempre.

Considerada unha das grandes axitadores da escena hip hop de América do Sur, Sara Hebe é especialista en experimentar con xéneros musicalmente dispares como a cumbia, o punk, o reggae ou a electrónica. Esta arxentina iniciouse no mundo da música de forma autodidacta no 2007 creando melodías e letras sobre ritmos xa compostos e, dende entón, público e crítica caeron rendidos ante o seu traballo. Caracterízana o seu xeito de atacar con urxencia a destreza métrica e o xeito no que aplica na lírica unha forte crítica social crúa, potente e bela a partes iguais. Este verán poderedes vela no SonRías Baixas acompañada no escenario por Ramiro Jota (baixo, guitarra e produtor musical) e Edu Morote (batería e percusión) nun directo que combinará o beat dixital do rap coa dinámica da salvaxe actitude desta incendiaria artista.

O lema de Che Sudaka é unha declaración de intencións preciosa que o SonRías pode asumir como propia: “bailar pensando”. Na súa música fúndense o folclore latinoamericano cos ritmos xamaicanos, a actitude punk ou as ferramentas electrónicas dun soundsystem, creando festa e alegría alá por onde pasan sen por iso ser un grupo que axude a evadirse da realidade: estes catro músicos sudamericanos afincados en Barcelona, que viviron na súa pel a experiencia do inmigrante sen papeis, buscan derrubar fronteiras culturais, ideolóxicas e físicas e levar a solidariedade polo mundo. Igual que fixeron grandes referentes seus como The Clash ou Mano Negra. Precisamente Manu Chao foi unha das persoas que animou a Che Sudaka a sacar adiante o seu proceso ao pouco de coñecelos en Barcelona e compartir con eles pachangas de fútbol e música. Logo de quince anos de traxectoria, pecharon o círculo colaborando no seu último disco “Almas rebeldes”, onde Chao canta con eles en “La risa bonita”. Con este traballo celebran esa feliz carreira que os levou a tocar case 1.500 concertos en corenta e cinco países dos cinco continentes… e sumando!

Terbutalina, os enfants terribles do garage punk galego, abren nova etapa este 2018 con A Casa da Tolemia, un novo proxecto e un cambio radical de formación que presentarán en Bueu. Os Terbutalina chegan, por fin, ao SonRías Baixas, despois de encher salas e festivais de toda a península, de conseguir colgar o cartel de sold out na maioría de salas do país e de conquistar o premio ao Mellor Álbum en Galego de 2014 nos Premios da Música Independente e o premio María Casares 2017 á Mellor Música Orixinal coa súa colaboración coa compañía teatral Chévere na obra Eroski Paraíso.

Un directo cargado de enerxía e comicidade, con momentos para a reflexión e a crítica é a marca da casa da banda punk folk galega The Skarnivals, que volverán ao SonRías Baixas este verán. A súa peculiar marca da casa é unha filosofía de loita e de alegría en contra da incansable sobredose de cordura que nos pretenden implantar. Tolemia e diversión que, no musical, se ve reflectida desde o primeiro minuto nuns rápidos ritmos ska combinados cunha potente descarga de distorsión en forma de punk-rock e liñas de ventos que convidan a non parar de moverse en todo momento, sen esquecer o característico e emotivo ambiente folk da gaita.

Revolta Permanent son unha formación atípica, que mestura o hip-hop dos MCs Iker Villa e Iker Aginaga coa música de Aitor Abio (instrumentais e teclados) e Mikel Becerra (guitarras), combinando así a agresividade dun rap combativo con elementos electrónicos e industriais. A maioría do tempo, o resultado leva ao cabeceo frenético, pero non por iso esquecen as melodías, e en ocasións mesmo deixan espazo para a pausa e a reflexión cando é preciso coller aire. Se en disco xa se percibe a potencia dos seus temas, en directo a sensación multiplícase. Este 2018 a banda vén de presentar “Ultravioleta”, o seu ambicioso terceiro disco, que vai acompañado dun documental e no que cada canción foi producida por un enxeñeiro diferente, incluíndo a Paco Loco (Nacho Vegas, Triángulo de Amor Bizarro, Mikel Erentxun), Manuel Colmenero (Vetusta Morla) ou Marc Parrot (por cuxo estudio pasaron Alicia Keys ou Enrique Bunbury). É a confirmación dunha traxectoria sempre ascendente e en permanente evolución.

Muerdo (alter-ego musical do murciano Paskual Kantero) é un dos representantes máis importantes da nova xeración da canción de autor en España, xunto a artistas como Rozalén ou El Kanka. En lugar da asociación tradicional ao formato acústico de voz e guitarra, na súa música rodéase dunha potente banda multicultural para levar as cancións aos sons urbanos e a mestizaxe cos folclores mediterráneo e latino. Compaxina así a intimidade ou a profundidade humana e social do seu pensamento coa incitación ao baile propia da música máis popular. Non é doado, pero ao escoitalo parece que si. No SonRías recibiremos a Muerdo presentando o seu esperadísimo novo disco “La mano en el fuego”. Nos adiantos do álbum explora o reggae colaborando con Soge Culebra ou incide de novo nos sons andinos que vestían o seu anterior disco, “Viento Sur”. Se hai apenas sete anos tocaba en pequenos cafés, agora presentará “La mano en el fuego” nunha extensa xira por América e a península que, por suposto, o traerá por Bueu.

Assekes son hoxe en día un dos nomes fundamentais da escena musical do País Valenciano. Cando iniciaron a súa carreira encadrábanse claramente na liña do mestizaxe que dominaba o panorama musical máis reivindicativo do Levante hai uns anos, mesturando ska, rumba e rock alternativo e tocando con bandas como Obrint Pas ou Aspencat. Pouco a pouco asentaron un espazo propio, compoñendo con facilidade himnos coreables e bailables ao tempo que renovan constantemente o seu son, incluíndo influencias e sonoridades da electrónica, o rap ou o pop internacional, como no seu último sinxelo, “Volar”. Cantando sempre en valenciano, estes inquedos músicos de conservatorio demostran constantemente que a falta de prexuízos é un valor na música. Con esa arma son quen de pasar do político ao sentimental nas letras, e de conservar na música a enerxía dos seus referentes á vez que percorren o seu propio camiño. Ata onde os levará? Quizais no SonRías nos deixen algunha pista.

 

Máis de 135 contratos e de 400 empregos

O pasado verán, o SonRías Baixas converteu Bueu no epicentro do rock e das músicas do mundo, ao encher a vila de festivaleiros e festivaleiras procedentes de diversos puntos do mapa. Quedou patente que o evento é moito máis que un festival, é toda unha experiencia que unifica unha localización urbana e natural única cunha completa programación musical e cultural que combina a música con disciplinas como a gastronomía ou o audiovisual. Desde a zona de acampada á beira da praia ata as propostas musicais e gastronómicas, todo foi artellado de tal xeito que se creou unha experiencia única para todos os asistentes.

A organización quixo anticiparse ás novas tendencias, amosando o seu carácter pioneiro, ao utilizar por primeira vez en Galicia as pulseiras cashless para permitir o acceso ao recinto e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising, ofrecendo ao público asistente a posibilidade de deixar o diñeiro en efectivo e as tarxetas bancarias na casa. Un auténtico despregamento de medios e de personal humano para a edición máis madura da historia do festival, que tamén deu un gran salto adiante noutras áreas como produción, loxística ou comunicación e que supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.500.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias nalgúns casos. Coa finalidade de que a actividade do Festival repercutise o máximo posible na zona, dende a organización afirman que sempre intentaron priorizar na búsqueda de profesionais e empresas proveedoras a nivel local. Así, nesta edición, contratáronse os servizos de 135 proveedores e máis de 400 persoas traballaron durante a celebración do evento, a maior parte, xente da comarca.

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “o Festival dos moi Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. Unha proposta irresistible á que dende a pasada edición se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas está producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan e conta, tamén, co apoio do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic.

Deja un comentario