+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O CAMIÑO PORTUGUÉS, OS #RIASBAIXASFESTS E O PATRIMONIO CENTRAN A PROMOCIÓN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA EN BRAGA


Carmela Silva manifestou a vontade de “promover proxectos comúns en materia turística, sumando sinerxías, para avanzar na promoción da provincia de Pontevedra e do Norte de Portugal neste mundo global”

Un centenar de persoas, integradas por turoperadores, axencias e medios de comunicación de Braga acudiron á acción promocional de #PontevedraProvincia no Teatro Circo de Braga

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada provincial, Digna Rivas, presentou esta mañá no Teatro Circo da cidade portuguesa de Braga o destino #PontevedraProvincia e a campaña de promoción turística “Somos historias”. No acto de presentación, no que se congregaron un centenar de persoas integradas por turoperadores, axencias e medios de comunicación, participaron o vereador de Turismo de Braga, a vereadora de Cultura da cidade, así como a vereadora de Turismo de Guimaraes e representantes de turismo de Porto-Norte.

Carmela Silva comezou a súa intervención manifestando a vontade de “promover proxectos comúns en materia turística, sumando sinerxías, para avanzar na promoción da provincia de Pontevedra e do Norte de Portugal neste mundo global”. Deste xeito, a presidenta provincial avanzou na necesidade de conformar paquetes turísticos conxuntos de tal xeito que “as persoas que veñan coñecer a provincia de Pontevedra poidan achegarse ata Portugal e as que veñan a Portugal poidan visitar a provincia de Pontevedra”.

Na segunda incursión portuguesa, tras pasar por Porto, a presidenta provincial centrou a promoción do destino Rías Baixas nas rutas do Camiño Portugués cara Compostela. Neste eido, Silva puxo en valor a importancia da cidade de Braga, como punto de paso cara Santiago, e na necesidade de promover o camiño “para que a xente que o estea a percorrer poida volver e coñecer todo o que pode ofrecer a provincia de Pontevedra, con recursos patrimoniais a carón do camiño como o mosteiro de Santa María de Oia, do século XII, a carón do mar, ou outros mosteiros como os de Poio e Armenteira, cemiterios como o de Santa María de Dozo e a paz das vilas termais como Caldas ou Cuntis”.

O patrimonio da provincia, tamén foi outro dos eixos de promoción do destino, da man da campaña “Somos historias”, protagonizada por María Vinyals “que tanta relación ten tamén con Portugal, xa que o seu neto vive en Porto”, asegurou Carmela Silva. O vídeo da campaña, no que se da conta dos principais valores do patrimonio da provincia de Pontevedra, deu paso ao á gastronomía, ao enoturismo e á calidade, aspectos que tamén protagonizaron a acción promocional efectuada pola Deputación de Pontevedra en Braga. De feito, a presidenta provincial asegurou que “somos a provincia española con maior número de distintivos de calidade SICTED, que pon de manifesto que o sector privado se implicou moito en prestar un servizo innovador e de calidade”.

Amais, a presidenta da Deputación, acompañada por responsables dos RíasBaixasFests, deu a coñecer a variedade de festivais musicais que teñen lugar na provincia de Pontevedra entre xuño e agosto. “Festivais musicais que presentan unha ampla e variada oferta musical ligada á gastronomía, á cultura, ao territorio e que apostan moito polo respecto ao medio ambiente e pola promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”, afirmou Carmela Silva.

Deste xeito, e tras ter proxectado vídeos e fotografías cos recursos turísticos máis importantes do destino Rías Baixas, a presidenta provincial convidou ao público presente “a que veñan a este lugar no mundo onde se poden vivir distintas experiencias e que agarda a todas e a todos cos brazos abertos”.

Pola súa banda o vereador de Turismo de Braga, que tamén enxalzou os lazos que unen a Portugal coa provincia de Pontevedra, adiantou que proximamente a cidade se desprazará ata Pontevedra para presentar os seus recursos turísticos na capital da provincia.

Deja un comentario