+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

PONTE CALDELAS CONTRATA AOS TRES SOCORRISTAS DESTA TEMPORADA E GARANTE A BANDEIRA AZUL PARA A CALZADA


Os profesionais destacan as boas condicións laborais ofrecidas como motivo para presentarse

Os tres socorristas que prestarán servizo na praia da Calzada, o único areal fluvial de toda España en contar con bandeira azul, durante esta temporada de baño asinaron hoxe os seus contratos no Concello. Outros tres quedaron como suplentes por se se produce algunha incidencia.
O Concello, que xa tiña seleccionado dous profesionais a través dos Servizos Públicos de Emprego, realizou hoxe as probas teóricas e prácticas para a selección do terceiro. Ás probas presentáronse catro aspirantes, procedentes de Vigo, Poio, Ribeira e Lugo, aínda que varios deles residentes nas proximidades.
A contratación de tres socorristas permite contar con servizo permanente, requisito esixido pola asociación Adeac, que outorga as bandeiras azuis e avalía o grao de cumprimento. Queda así superado o problema xurdido o ano pasado, cando a renuncia dun socorrista deixou a Ponte Caldelas con só dous. Diante desta circunstancia, o Concello púxose en contacto con Adeac e renunciou á bandeira azul, nun exercizo de transparencia que foi publicamente valorado e agradecido pola asociación ambiental.
Os socorristas seleccionados, así como a totalidade dos aspirantes, destacaron as boas condicións laborais que este ano ofrece Ponte Caldelas como motivo para aspirar a obter unha praza neste municipio. O Concello ampliou o período de contratación, que pasou de dous meses (xullo e agosto) a tres meses e os oito días de vacacións correspondentes (vixencia entre o 15 de xuño e o 22 de setembro). Na meirande parte das praias con bandeira azul ofértase só dous meses, destacaron. Ademais, Ponte Caldelas aboa o salario do convenio de Instalacións Deportivas e Ximnasios de Galicia, unhas retribucións que tamén son superiores ao habitual.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está satisfeito dos resultados alcanzados este ano e considera que a mellora nas condicións, dignificando estes postos de traballo, garante o servizo nos anos futuros. Aínda así, Ponte Caldelas sintoniza coas conversas que se están a producir no seo da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a prol dunha contratación centralizada destes profesionais e dunha homologación das súas condicións laborais.
O alcalde, Andrés Díaz, viaxará mañá a Riazor (A Coruña) para o acto de recollida das bandeiras azuis de Galicia. O Goberno local izará o emblema o 1 de xullo, de acordo coas disposicións remitidas por Adeac.

Deja un comentario