+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A UNIVERSIDADE DE SAO PAULO PON OS SEUS OLLOS NO PLAN REVITALIZA PARA APLICAR A COMPOSTAXE NO SEU CAMPUS


O vicepresidente Mosquera recibiu ao ex xefe de Medio Ambiente do goberno de Lula e a unha investigadora da Escola de Agricultura Luiz de Queiroz

 

A Universidade de São Paulo vén de poñer os seus ollos no Plan Revitaliza da Deputación co fin de implantar o modelo de compostaxe pontevedrés no campus universitario Luiz de Queiroz en Brasil. Así o manifestaron os catedráticos Simone Portugal e Marco Sorrentino, tamén ex xefe de Medio Ambiente do goberno de Lula, ao vicepresidente César Mosquera nun encontro mantido no Pazo Provincial.

Os catedráticos estiveron coñecendo as cuestións técnicas e económicas do Plan Revitaliza, ademais de visitando en persoa algúns dos centros de compostaxe da provincia acompañados tanto do propio vicepresidente Mosquera como do asesor Carlos Pérez. Na recepción institucional ambos brasileiros explicaron que coñeceron o Plan Revitaliza a través do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).
“Escoitamos falar moi ben dos traballos que están a facer e asistimos a un relatorio de Manuel Domínguez -un dos educadores que está a divulgar o Plan Revitaliza nos centros escolares da provincia-, e entusiasmámonos moito, porque en Brasil é moi debatida a necesidade de facer a compostaxe, de reciclar, e só estamos no intento: só unha pequena porcentaxe do orgánico é reciclado”, explicou Sorrentino. Este indicou que cando coñeceron a estratexia que Pontevedra está a adoptar para compostar orgánicos de forma descentralizada e participativa consideraron que ese “sería o camiño máis adecuado” e colocaron “no seu radar” a idea de vir a Pontevedra a coñecer o traballo in situ.
Neste sentido, unha vez estudados os principios básicos do Plan Revitaliza (tratamento en quilómetro cero, profesionalización da atención técnica, e participación e concienciación cidadá) a brasileira Simone Portugal destacou que pretenden aplicar o modelo no campus da Universidade de Sao Paulo, no que conviven milleiros de persoas diariamente. “Queremos levar estas ideas que coñecemos aquí complementando moito esta cuestión que nos chamou a atención en Pontevedra de como se traballan os vínculos comunitarios e a cuestión da participación”, apuntou.
Portugal e Sorrentino, investigadora e profesor do Laboratorio de Investigación e Política Ambiental na Escola Superior de Agricultura Luiz de Queiróz, explicaron que facultade na que traballan está situada no Campus Luiz de Queiroz na cidade de Piracicaba, e actualmente está considerada un centro de excelencia para programas de pregrado e posgrao en Ciencias Sociais Agrícola, Ambiental, Biolóxica e Aplicada, e é recoñecida polo seu destacado rendemento científico e técnico. A comunidade académica e persoal do centro está composta por 800 membros, xunto con preto de 3,400 estudantes de pregrao e posgrao. A súa área total (3.825,4 hectáreas) corresponde á metade da área total da Univesidade de São Paulo.
Mobilidade
Ademais de interesarse polo desenvolvemento do plan de compostaxe provincial, a delegación brasileira aproveitou o encontro con César Mosquera para coñecer máis sobre o modelo de mobilidade de Pontevedra que se está a intentar estender na provincia.
De feito, Simone Portugal destacou que “cando tivemos a información de que Pontevedra é unha cidade que traballa de forma diferenciada a cuestión da mobilidade urbana iso aínda nos entusiasmou moito máis para estar aquí”. Subliñou, de feito, que na Universidade o tratamento do espazo público é algo que preocupa moito “pola falta de atención e coidado que nas cidades, especialmente nas que nos vivimos como Sao Paulo, se ten coas crianzas e cos anciáns ou con persoas sen movemento de forma diferenciada do que é o coche ou o automóbil individual”.
“Cando vimos os traballos realizados aquí, identificámonos moito coa sensibilidade de pensar unha cidade a partir das crianzas. Por iso quixemos coñecer máis destas experiencias, porque para nós son moi valiosas: con participación, con diálogo faise dunha cidade pensada para todos. Non hai nada máis bonito que unha cidade pensada desde unha crianza”, indicou Portugal.
Pola súa banda, o profesor Sorrentino manifestou a súa sorpresa pola vida das persoas anciás na rúa: “Ficamos moi sorprendidos cos anciáns na rúa. Hai unha maior atención para os anciáns en relación ao Brasil. Ese coidado de poñer bancos nas prazas, de deseñar lugares nas que as persoas se poidan atopar… Pareceunos moi importante e moi bonito”, finalizou.
Educación e xestión
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera explicou a Sorrentino e Portugal que dende a Deputación e o Concello de Pontevedra se está a traballar en varios proxectos de ámbito ambiental como a compostaxe, a mobilidade ou o tratamento dos montes para a prevención de lumes, entre outras cuestións.
En concreto, o vicepresidente apuntou que dende a perspectiva de política ambiental débense ter en consideración dúas cuestións fundamentais, complementarias e paralelas: a educación e a concienciación por unha banda, e por outra a xestión e a normativa.
Explicou, neste sentido, que o cambio de hábitos da cidadanía para acadar melloras ambientais non só se pode deixar na man da boa vontade, senón que hai que aplicar uns límites e actuar dende os gobernos. “A sensibilización ambiental é básica pero ten límites. Non se pode agardar e deixar de poñer en marcha actuacións ata agardar que todo o mundo teña a educación ambiental axeitada, porque así nunca se podería facer nada”, apuntou.
Mosquera indicou, por outra parte, que tanto os proxectos de compostaxe como de mobilidade de Pontevedra non se poderían aplicar sen unha implantación e conciencia social ampla sobre os seus beneficios. Finalizou asegurando que dende o goberno provincial e municipal se están a aplicar uns principios coherentes “porque se teñen as competencias para facel0”.

Deja un comentario