+034 986 09 02 04 Xoves 13 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ABRE UNHA CONSULTA PÚBLICA VÍA WEB PARA ELABORAR UNHA ORDENANZA SOBRE A AUTOCOMPOSTAXE AO ABEIRO DO ‘PLAN REVITALIZA’


O vicepresidente Mosquera sinala que a nova normativa provincial pretende rematar con indefinicións, baleiros e contradicións da actual lexislación

A Deputación de Pontevedra vén de abrir na súa páxina web unha consulta pública co fin de elaborar de maneira participada unha ordenanza provincial sobre autocompostaxe ao abeiro do Plan Revitaliza. O obxectivo da iniciativa, segundo afirma o vicepresidente César Mosquera, é “rematar coas indefinicións, baleiros e contradicións existentes na actualidade na normativa específica existente”, polo que se deseñou un proceso participativo aberto ás asociacións máis representativas, organizacións, colectivos e veciñanza interesada en debater e facer achegas.
A regulación da autocompostaxe na futura ordenanza pretende poñer luz na lexislación actual, segundo o vicepresidente, xa que por un lado hai normativa que establece que “as autoridades ambientais impulsarán a compostaxe individual e comunitaria”, mentres por outro lado hai unha carencia de textos suficientes que concreten as condicións nas que se deben impulsar.

Segundo destaca o vicepresidente Mosquera, o baleiro normativo dura “moito máis do razoable” e nunca debeu interpretarse “como lamentabelmente se fixo, como a innecesariedade duns mínimos de coñecementos e controis para poder levar adiante a autocompostaxe, o que deu lugar a experiencias non sempre afortunadas ou que, no mellor dos casos, funcionaron moi por debaixo das súas posibilidades”. Pola contra, afirma o nacionalista, o Plan Revitaliza está baseado nos mellores coñecementos e técnicas dispoñibles e nun estruturado sistema de esixentes controis aos que estarán dedicados unha boa parte do articulado da futura normativa.

Así, coa futura ordenanza preténdese superar disfuncións derivadas da actual normativa e elaborar normas para o seguimento, control e trazabilidade de datos e accións na autocompostaxe (individual e comunitaria); garantir a ausencia de riscos potenciais sobre o contorno inmediato, a salubridade e benestar público e privado; superar a dicotomía de impulsar algo pero negar ou obviar o correspondente apoio económico necesario; ou superar a contradición de impulsar as autocompostaxes como principio, ao tempo de entorpecer o seu desenvolvemento por cuestións de supostas ilegalidades ou alegalidades.

Cuestión de oportunidade
O vicepresidente Mosquera apunta que o momento actual é relevante para a redacción da nova Ordenanza de Autocompostaxe porque en breve se publicará a Directiva de biorresiduos e a súa transposición ás lexislacións ambientais dos países membros. “Entroncar a actual actividade provincial en residuos do Plan Revitaliza coas novas directrices de actuación da UE e da súa transposición á lexislación española resulta inescusable”, apunta.

Así mesmo, o vicepresidente indica que a necesidade e oportunidade da aprobación está motivada pola necesidade de reducir os custos da xestión dos residuos en zonas rurais e periurbanas polas actuais recollidas centralizadas de lixo, pola necesaria racionalización dos custos de xestión en zonas urbanas a través da eliminación ou redución dos biorresiduos, por previr a xeración destes, eliminar a súa presenza nas recollidas doutras fraccións, e minguar tamén os residuos orgánicos na fracción resto, o que permitiría unha drástica redución da frecuencia de recollida do actual colector verde.
Todas as cuestións relativas á consulta pública sobre a nova Ordenanza de Autocompostaxe poden coñecerse na páxina web da Deputación (www.depo.gal). Dende a Deputación enviouse solicitude para que aportaran as súas achegas de maneira específica ás comunidades de montes de Pontevedra, así como aos colectivos ecoloxistas e asociacións Adega, Amigos da Terra, Anabam (Tui e Baixo Miño), Adecontea (Ponteareas), APDR (Pontevedra), Asemblea do Suído (Covelo), Luita Verde (Cangas), Colectivo ecoloxista do Salnés, Naturviva (Agolada), e Vaipolorio (Pontevedra).

Deja un comentario