+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

MEDIO AMBIENTE RESALTA O INCREMENTO NUN 16% DA RECUPERACIÓN DE ENVASES AGRARIOS EN GALICIA GRAZAS AO SISTEMA DE RECOLLIDA SIGFITO


A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático entregou esta mañá á empresa Agroquímicos Carballa o premio SIGFITO, un recoñecemento á súa colaboración desinteresada na recollida deste tipo de residuos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e SIGFITO, a entidade responsable de xestionar o sistema colectivo de recollida de envases e residuos de envases agrarios, entregaron esta mañá a Agroquímicos Carballo, de Sanxenxo, o premio á empresa que máis contribuíu en 2017 á recuperación deste tipo de residuos en Galicia.

Durante a entrega do premio, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, resaltou o bo funcionamento do sistema de recollida xestionado por SIGFITO e recoñeceu a súa contribución a incrementar a recuperación deste tipo de envases na comunidade. Así, o ano pasado recolléronse en Galicia preto de 50.000 quilos de envases e residuos de envases de produtos fitosanitarios, unha cifra que supón un incremento do 16,3% con respecto ao dato de 2013.

Esta tendencia ascendente dos últimos cinco anos explícase, como indicou a directora xeral, grazas ao compromiso e á colaboración desinteresada por parte de empresas como Agroquímicos Carballa, recoñecida co premio SIGFITO deste ano tendo en conta que durante 2017 recolleu un total de 2.433 kg, practicamente o 15% de todos os envases agrarios que se recuperaron no conxunto da provincia de Pontevedra.

Así, o sistema de recollida SIGFITO baséase na existencia dunha rede de puntos colaboradores por toda Galicia (146 en total) nos que se reciben e recollen os residuos de envases procedentes dos agricultores. A maior parte deles son empresas de distribución e comercialización para o sector agrícola e vitivinícola, que ao adherirse a este sistema contribúen a garantir unha correcta xestión dos residuos dos produtos fitosanitarios que se empregan en diferentes tipos de cultivo, maioritariamente envases de plástico.

A entidade responsable de xestionar todo este sistema, SIGFITO, tamén conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e da Consellería de Medio Rural, coas que vén asinando convenios desde 2003 -o último deles no ano 2014- para o seguimento da xestión dos envases de produtos fitosanitarios xerados polo sector agrario galego.

Deja un comentario