+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

EQUINA 2018 COMEZOU HOXE CON VARIAS SECCIÓNS  DO IV CAMPIONATO DE ESPAÑA DE PURA RAZA ESPAÑOLA-ANCCE DE GALICIA


NO RING HÍPICO DO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA COMPITEN NESTA XORNADA OS POLDROS E POLDRAS DE 1 A 3 ANOS, AS EGUAS DE 4 E OS CABALOS DE 4 A 7 ANOS OU MÁIS

O evento ecuestre Equina 2018, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, deu hoxe comezo ás súas competicións. Fíxoo cos xulgamentos dalgunhas das seccións do IV Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, un concurso morfofuncional que é o eixo central desta cita.

Así, esta mañá están a competir no ring hípico da Feira Internacional de Galicia ABANCA os poldros de 1 e 2 anos e as poldras de 1 a 3 anos, e xa pola tarde farano nas súas seccións os poldros de 3 anos, as eguas de 4 anos e os sementais de 4 a 7 anos ou máis. Mañá será a quenda das eguas de 5, 6 e 7 anos ou máis e tamén de Funcionalidade (movementos).

As probas morfolóxicas están a ser xulgadas por Rafael Ortíz Alcalá-Zamora e Laura Gambín García, mentres que nas de funcionalidade o xuíz será David Mérida Martín.

Nesta competición, clasificatoria para a final do campionato do mundo, participarán ao longo dos tres días exemplares de 40 ganderías de dez comunidades autónomas. Entre elas figuran moitas das máis importantes de España.

XX Copa Accega de Doma Clásica

Ademais deste IV Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, Equina 2018 acolle mañá pola tarde a XX Copa Accega de Doma Clásica, na que está prevista a participación de máis de 30 binomios (cabalo e xinete ou amazona) de distintos puntos de Galicia e España. As probas desenvolveranse en todos os niveis, dende o 0, no que compiten os máis pequenos, ata o San Jorge, considerado de alta competición.

Xa o domingo ao mediodía realizaranse exhibicións de enganches e doma vaqueira e levarase a cabo a entrega de premios.

Deja un comentario