+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

A MADEIRA CERTIFICADA E O SEU USO NA CONSTRUCIÓN EN GALICIA, A ANÁLISE NA FEIRA FORESTAL GALIFOREST ABANCA 2018


SERÁ NO MARCO DUNHA XORNADA ORGANIZADA POLA EMPRESA DE CERTIFICACIÓN FORESTAL FSC ESPAÑA

A quinta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebrará do 28 ao 30 de xuño no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), será, ademais dun espazo de negocio e innovación, un foro para a posta en común da realidade forestal.

Así, o certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia a través das consellerías do Medio Rural e de Economía, Emprego e Industria, incluirá un programa no que destacarán interesantes xornadas. Para o seu desenvolvemento integrarase por primeira vez na zona expositiva unha carpa, polo cal as conferencias terán lugar no propio monte.

No seu marco, o primeiro día da feira levarase a cabo a xornada “Madeira FSC, EUTR e Construción en Galicia”, organizada por FSC España, empresa de certificación que promove unha xestión dos montes ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable.

Abrirá este encontro Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga). A continuación Silvia Martínez, directora técnica de FSC España, e Marcos Estévez, xestor de proxectos da mesma entidade, darán a coñecer as novidades FSC en xestión forestal e cadea de custodia, a cal compraba que os produtos de bosques certificados estean identificados e separados doutros materiais non certificados, permitindo ás empresas etiquetar os seus produtos como certificados a aos consumidores identificalos.

Tamén se abordará a dilixencia debida nas mesas do sector da 1ª transformación da madeira, por Carlos González Andrés, xefe de servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. A certificación FSC de xestión forestal en grupo será outro dos temas da xornada, expoñendo o caso de Selga, Compañía Galega de Silvicultores. O seu responsable económico, Daniel Rodríguez, será o encargado de dalo a coñecer.

A última das intervencións, que se centrará nun exemplo de fabricación e obras con madeira FSC, levarana a cabo José A. Sanmartín e Leticia Rendo, director técnico e responsable de costes de Carpintería Estelar.

Mesa redonda
A xornada finalizará cunha mesa redonda moderada pola secretaria xeral de Fearmaga na que intervirán os outros seis participantes no encontro.

Deja un comentario