+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

COMEZA O REPARTO DE COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS DO PLAN REVITALIZA NO CONCELLO DE VILABOA


Uns 70 veciños e veciñas de Bértola e Figueirido están convocados este xoves para recibir unha charla de formación

O Concello de Vilaboa comeza este xoves, ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, o reparto de composteiros individuais entre a veciñanza das parroquias de Bértola e Figueirido. Este reparto supón que o plan de compostaxe provincial faise xa realidade, ademais de nos centros de compostaxe comunitaria, tamén para os veciños e veciñas que teñen casas con horta e que van tratar os seus biorresiduos ‘in situ’ en lugar de botalos no colector verde.

O vindeiro xoves 21, ás 20 horas, no local do adro da Igrexa de Bértola, realizarase un curso de formación para que 70 veciños e veciñas coñezan como compostar no seu domicilio, así como as novidades sobre o tratamento de residuos no concello. Tamén recibirán todos os elementos necesarios para facer compost: un composteiro individual (COIN) de 360 litros, un manual de compostaxe, un remexedeor, e un termómetro.

A formación correrá a cargo tanto do persoal técnico da Deputación (mestres e mestras composteiras) como da asociación Amigos da Terra, que ten asinado un convenio de colaboración coa Deputación para realizar tamén un acompañamento técnico personalizado a domicilio durante todo o primeiro ano da compostaxe. A intención é explicar todo o proceso da dende que o lixo se deposita no composteiro ata que se produce o compost, e como este modelo de xestión fai que ademais se melloren as taxas de reciclaxe de outras fraccións.

A veciñanza será convocada a este encontro mediante chamadas telefónicas do persoal da Deputación de Pontevedra, mais calquera veciño ou veciña do municipio pode achegarse ao lugar para asistir á formación se está interesada. A intención é convocar progresivamente a toda a veciñanza do municipio por grupos e parroquias en locais sociais, de forma que a formación sexa máis personalizada e se estableza unha dinámica interactiva co persoal formador.

Hai que lembrar que o Concello de Vilaboa será un dos primeiros de Galiza en aplicar a compostaxe como modelo de xestión do lixo e cumprirá sobradamente coas futuras normativas que esixen que en 2020 se composte ou recolla o 100% dos biorresiduos de maneira separada. A Deputación concedeulle unha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza que permitirá ao goberno local contar cun Plan de Residuos específico para o municipio e unha axuda económica de 345.869,06 euros, o que supón o 88,07% do orzamento solicitado para adquirir composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios.

Con esta subvención o Concello de Vilaboa poderá realizar as obras necesarias para a instalación de centros de compostaxe comunitaria, mercar 50 módulos de compostaxe colectiva, máis de 1.250 COIN, ferramentas para realizar o compost, un tractor, unha grúa, unha pala, tres trituradoras de uso doméstico que se entregarán en servizo de préstamo, así como unha volteadora. Tamén se potenciarán os puntos verdes de intercambio de poda e estruturante.

Ata o de agora no Concello de Vilaboa había repartidos uns 300 composteiros individuais nos núcleos de Postemirón, a Graña e Sobreira dentro doutras campañas alleas ao Plan Revitaliza. Estes COIN, sen embargo, tamén pasarán a formar parte do plan de seguemento provincial para certificar que nos domicilios se fai a compostaxe correctamente.

Os grandes restaurantes, todos adheridos ao modelo
Ademais dos composteiros individuais, no concello de Vilaboa hai instalados outros centros de compostaxe comunitaria modulares diante da Casa do Concello, no restaurante Luis, no xeriátrico de Rialiña e no parque do colexio de Riomaior, específicos para produtores singulares. Tamén se entregaron composteiros de grande capacidade (800 litros) para dar servizo ao comedor do colexio do Toural, así como a outros restaurantes da zona, reparto que se ampliará en vindeiras datas.

Segundo explica o técnico de residuos da Deputación responsable da compostaxe no Concello de Vilaboa, Agustín Vidal, a día de hoxe todos os grandes restaurantes do municipio están comprometidos coa compostaxe dos seus residuos orgánicos, o que demostra o seu grao de concienciación co modelo do Plan Revitaliza por economía, facilidade e medio ambiente.

Deja un comentario