+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTADA MONTSE MAGALLANES SUPERVISA EN OIA AS OBRAS DO PLAN CONCELLOS PARA MELLORAS NA REDE DE SANEAMENTO E PARA REHABILITACIÓN DE LAVADOIROS


Nos tres anos de goberno de Carmela Silva, a institución provincial leva destinado ao Concello de Oia case 2,5 millóns de euros

Só co Plan Concellos deste ano, a Deputación de Pontevedra pon a disposición do municipio 757.063 euros, un 74,5% máis que en 2017

A deputada de Emprego, Montse Magallanes, visitou este mediodía as actuacións postas en marcha en Oia coas achegas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a rede de saneamento no camiño Videira (Viladesuso) e para a rehabilitación de lavadoiros en Vilar (Pedornes). Para estas iniciativas o Goberno provincial investiu 25.994,94 euros.

Tal e como puido comprobar hoxe a deputada, acompañada pola alcaldesa Cristina Correa, acometéronse actuacións de conexión das vivendas existentes e das futuras previstas á rede de saneamento proxectada no camiño Videira. Fixéronse demolicións, escavacións de gabias e recheo, instalacións de tubaxes e pozos de rexistro e a reposición do pavimento de formigón. Así mesmo, a través do Plan Concellos tamén se fixeron traballos para a recuperación dos lavadoiros tradicionais do rural en Vilar. A rehabilitación proxectouse substituíndo a cuberta actual por unha nova de madeira, con columnas de pedra enteiriza e procedendo ao picado e limpeza dos muros.

A Deputación de Pontevedra destinou o ano pasado a Oia algo máis de 433.000 euros dentro do Plan Concellos. Neste exercicio, a institución provincial incrementou a contía nun 74,5%, polo que ten posto a disposición deste municipio case 760.000 euros.

Case 2,5 millóns de euros da Deputación en investimentos no Concello
No que vai de lexislatura, o Goberno provincial destinou a Oia case 2,5 millóns de euros entre todas as áreas de goberno. En concreto, dende o servizo de Cooperación destináronse máis de 1,7 millóns de euros, entre as partidas destinadas para o Plan Concellos, así como outras achegas distintas para iluminación exterior, préstamos sen xuros, sinalización de rutas ou reparación de instalacións deportivas e espazos públicos, entres outras actuacións.

Ademais, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou a Oia un total de 103.916 euros. Trátase de partidas para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia domiciliaria. Así mesmo, houbo achegas para distintos programas, como Depotermal, DepoAventura, DepoRuarte ou Tecendo Lazos.

En canto á área de Deportes, Oia leva recibidos 15.663 euros, que comprenden achegas para o deporte federado, para a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para subvencións de actividades deportivas e para subvencións individuais extraordinarias.

Na área de Igualdade, Oia beneficiouse de achegas da Deputación por valor de 16.078 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres da vila co programa “Conectadas”. Neste eido tamén se impulsou o programa “Cinema e Muller”. En materia de emprego, Oia contou con máis de 29.100 euros a través das distintas edicións do Plan de Práctica Laboral impulsado pola institución provincial.

Oia tamén recibiu, nestes tres anos de Goberno provincial, máis de 77.330 euros no servizo de Cultura. A través destas achegas, asociacións do municipio puideron promover actividades culturais ou adquirir instrumentos e vestiario. Así mesmo, houbo axudas para actividades de dinamización lingüística, para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, así como achegas polo Ano Castelao ou o Ano Patrimonio.

Dende Medio Ambiente destináronse a Oia preto de 14.000 euros para a redacción do proxecto do parque forestal “Serra de Groba e Costa”. O Goberno de Carmela Silva achegou tamén máis de 1.200 euros ao concello de Oia en materia de Novas Tecnoloxías para o servizo de Administración electrónica.

Case 416.000 euros chegaron nestes anos ao concello de Oia a través da área de Mobilidade. As partidas destináronse para obras en viarios, asistencias técnicas para proxectos, rozas e limpezas de estradas, pintados de viarios e sinalizacións. A través da área de Turismo destináronse a oia case 20.000 euros para axudas a asociacións culturais e para promoción de rutas e o Camiño Portugués pola costa.

Deja un comentario