+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

VÍA LIBRE Á URBANIZACIÓN DA CONTORNA DO CENTRO DE DÍA DE SILLEDA


Deputación e Concello asinaron hoxe un convenio de colaboración para investir preto de 600.000 euros na estrada provincial, que será transferida

 

Deputación e Concello de Silleda fixeron hoxe oficial o convenio para mellorar a mobilidade peonil nun treito de 441 metros da estrada provincial EP-6518 Silleda-Ponte arredor do novo centro de día residencial do municipio. Tanto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, como o alcalde Manuel Cuíña, manifestaron a súa satisfacción polo proxecto de urbanización, que ten un orzamento preto de 600.000 euros, e que beneficiará o tránsito de peóns dende o centro da vila cara a un núcleo de centralidade que, ademais do centro de día, inclúe tamén as instalacións da Semana Verde, o campo de fútbol ou o principal centro hoteleiro da comarca, entre outros equipamentos.

O deputado de Mobilidade explicou que o proxecto redactado para Silleda encaixa plenamente coa nova filosofía do goberno provincial. Destacou que coa chegada á Deputación decidiuse mudar as prioridades e, en lugar de deseñar estradas unicamente pensadas para os vehículos, comezou a poñerse o foco nas persoas e a apostar por una Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión.

Neste ámbito, Benítez lembrou outra actuación do departamento de Mobilidade no concello silledense para mellorar a seguridade viaria: “Nós fixemos o novo asfaltado de Escuadro-Silleda que, por razóns de dubidosa explicación, salvo que non sexan de ámbito partidista, estaba totalmente abandonada ata o de agora”, apuntou.

Sobre a actuación na EP-6518, Benítez lembrou que o alcalde de Silleda foi o primeiro en solicitarlle unha entrevista para falar do futuro proxecto e da importancia de acompasar a obra do centro de día coa mellora da estrada. “Así o fixemos. De feito, a equipa de arquitectos que fixo o proxecto do edificio foi a mesma á que a Deputación encargou a nova urbanización que se convenia hoxe, polo que haberá coherencia e unidade de actuación no conxunto do espazo”, dixo o nacionalista.

“Buscabamos unha vinculación desta zona co centro urbano, para que conectase os equipamentos xa existentes e a futura residencia cun tratamento que tivese un carácter máis urbano e no que a preferencia peonil sexa unha realidade”, explicou Benítez, quen subliñou que unha vez entregada a obra, a estrada será transferida ao Concello.

O proxecto de ‘Mellora da mobilidade peonil na EP 6518 Silleda – Ponte (tramo I) do PQ 0+435 q PQ 0+876 (Silleda)’, segundo explicou o deputado, consiste na urbanización do treito da vía que vai dende a intersección coa rúa Feira Internacional de Galicia e a intersección coa PO-205.

A principal novidade é que se creará unha senda peonil de 2,5 metros de largo e que se habilitarán novos espazos peonís e zonas verdes nun contorno de velocidade máxima de 30 quilómetros por hora. O deseño xoga con distintos materiais e texturas para conseguir unha diferenciación lóxica do espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos. Ademais, instalaranse dúas plataformas elevadas, como zona de convivencia con carácter de praza urbana, unha diante do hotel e outra do campo de fútbol. A maiores, o proxecto inclúe melloras en diversos servizos urbanos como alumeado público, saneamento e abastecemento, soterramento de liñas eléctricas, xardinería e mobiliario urbano.

O importe dos traballos, dixo Benítez, ascende a 594.320,42 euros, dos que a Deputación de Pontevedra aportará 416.024,29 euros (o 70%) e o Concello de Silleda 178.296,13 euros (o 30%). A contratación das obras será inmediata e cóntase con todos os permisos necesarios para iniciar os traballos, polo que unha vez licitados o prazo de execución será de cinco meses.

Prioridades dos concellos
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou hoxe en Silleda que a Deputación de Pontevedra ten agora un “proxecto de goberno único, potente, forte e coas ideas claras. Tiñamos absolutamente meridiano que había que facer un modelo totalmente distinto na forma de gobernar, baseado na equidade e na garantía de dereitos e servizos ao conxunto da provincia, particularmente aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Pero sobre todo sabiamos que a obxectividade ía ser o paraugas que estaría por riba de cada unha das decisións que tomaramos e que tiña que haber criterios e intelixencia na toma de decisións”.

Carmela Silva explicou que este novo modelo de gobernar se segue tamén na área de Mobilidade, onde o obxectivo é “rachar co modelo do pasado século XX, un modelo de infraestruturas onde a única prioridade eran os vehículos, expulsando á xente dos espazos públicos, non contando nunca cos dereitos das persoas, e polo tanto, creando un territorio deshumanizado”. Dende a Deputación apóstase por un modelo baseado na conectividade, na seguranza viaria, na accesibilidade universal e medioambientalmente sostible, “co obxectivo principal de recuperar o espazo público para a xente, construíndo un territorio amable”.

Ademais, a presidenta salientou que dende o Goberno provincial se traballa sempre sobre un modelo claro de actuación, “pero sempre contando cos concellos. Nós todo o que asinamos cos concellos, sempre temos un modelo detrás pero sempre de acordo cos concellos. Son eles os que nos din cales son as súas prioridades dentro do seu territorio. Non é a Deputación a que impón os seus criterios, senón que temos en conta o que nos propoñen os concellos”. Silva amosou así a súa satisfacción porque esta actuación de Silleda cumpre totalmente co modelo de acción da Deputación en mobilidade e serve ademais para dar servizo a equipamentos públicos, coma o futuro centro de día, que garantan os dereitos das persoas.

Vía moderna de total seguridade
Finalmente, o alcalde de Silleda Manuel Cuíña manifestou a súa grande satisfacción pola sinatura do convenio. Destacou que para o Concello de Silleda a urbanización da contorna do centro de día é importante pola relevancia do novo equipamento, que “quedaría coxo sen a actuación na estrada”.

Cuíña destacou que a mellora da estrada provincial está xusto na entrada á vila e é o primeiro que ven as persoas que a visitan. “Este treito ten moita visibilidade porque é a porta de entrada a Silleda e o proxecto acabará unificando todas as instalacións que hai nos arredores. É o comezo do que será unha ampla zona moderna que usa moita xente, que unirá netos con avós nunha vía moderna de total seguridade”, afirmou, para engadir que o día de hoxe foi un día “case histórico”, xa que o día histórico “de verdade” será o día en que se inauguren as obras.

Deja un comentario