+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN, MONDARIZ BALNEARIO E AMIGOS DA TERRA ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA FOMENTAR A COMPOSTAXE


O vicepresidente César Mosquera asegurou que Mondariz Balneario será “un escaparate” do bo funcionamento do Plan Revitaliza

O alcalde asegurou que ata o guía turístico da vila vai poñer en valor que o concello aposta por facer compost para xestionar os seus residuos orgánicos

“Mondariz Balneario ten moitas potencialidades e para nós é un sitio emblemático, un escaparate que nos permitirá estender a compostaxe entre o resto dos concellos”. Así de contundente o asegurou hoxe o vicepresidente César Mosquera na sinatura do convenio co Concello e coa asociación Amigos da Terra, onde subliñou que este municipio será dos primeiro do estado que tratará todos os seus biorresiduos –restos de comida e vexetais- mediante compostaxe (tanto en centros comunitarios ou en composteiros individuais) ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. Cumprirá así, dixo, coa normativa que obriga a compostar ou recoller os orgánicos de forma separada en 2020.

Mosquera realizou estas declaracións durante a sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra, o Concello de Mondariz Balneario e a asociación Amigos da Terra (AdT). Este colectivo encargarase de asesorar e controlar o funcionamento dos composteiros individuais no municipio, 286 en total, durante os próximos dous anos. Para isto, realizará unha media de cinco visitas a cada domicilio para a posta en marcha do composteiro e facilitar a formación necesaria para un correcto funcionamento, así como catro reunións conxuntas para divulgar determinados aspectos da compostaxe. O montante económico do acordo ten un máximo de 19.990,60 euros.

Segundo asegurou Mosquera, dende a Deputación de Pontevedra tense a vista posta en como funcione o Plan Revitaliza en Mondariz Balneario polas súas características: un concello pequeno, concentrado e turístico. “Temos moita ilusión. A nosa idea de fondo é que este concello ten un posicionamento que nos axuda nunha sinerxia moi interesante. Témoslle moito cariño, e o que faga será unha referencia para outros concellos tanto da provincia como do resto do estado”, dixo, explicando que a Deputación xa ten recibido visitas dende Extremadura, Madrid, Ourense e outras provincias españolas que buscan solución para os seus residuos tendo características moi parecidas a Mondariz Balneario.

O vicepresidente tamén tivo palabras de agradecemento a AdT e subliñou que o seu persoal técnico permite á Deputación chegar a máis sitios, veciños e veciñas que só contando co persoal propio. Tamén explicou que a Deputación ten máis peticións de concellos que queren entrar na segunda fase do Plan Revitaliza, pero que existen dúbidas de se haberá persoal suficiente para atendelos con garantías. “O que temos claro é que a compostaxe chegou para quedarse e que os concellos que se adiantaron e xa teñen a subvención da Deputación poden dicir que van avanzados. Os outros terán que ir arrastro e sen darlle ese empuxe, ese poder vendelo que van ter os que o fan por iniciativa propia e se adiantaron á situación”, explicou o nacionalista.

Hai que lembrar que Mondariz Balneario recibiu unha axuda económica de 197.597,39 euros, o que supón case o 90% do orzamento solicitado para adquirir composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios. De feito, xa están mercados 290 composteiros individuais, vanse poñer 10 centros de compostaxe comunitaria no núcleo urbano, e xa se mercou un camión de caixa aberta con grúa. Tamén se van adquirir composteiros de 800 litros para produtores singulares, unha trituradora mediana e unha minitrituradora e crearase un punto verde central para a recollida de poda e reparto de estuturante. Todo elo grazas ao investimento da Deputación.

 

Veciñanza ilusionada
Pola súa banda, o alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo Rodríguez felicitou ao vicepresidente Mosquera pola equipa de traballo e o plantexamento do Plan Revitaliza en materia de tratamento de residuos, xa que considerou que “é o futuro”.

O rexedor subliñou que o medio ambiente “tamén vende no mercado”, e indicou que hai moitos turistas doutras localidades do estado que pasan polo concello aos que lles chama a atención o traballo que se fai no municipio en relación á compostaxe. Subliñou, de feito, que ata o guía turístico da vila tamén falará do compost que se produce no concello para poñer en valor que se xestiona o lixo dunha forma medioambientalmente sostible.

Lorenzo insistiu en que “a innovación en medio ambiente é moi importante, e no concello toda a veciñanza está ilusionada con este proxecto, con ter un composteiro”, subliñou. Indicou que é fundamental tamén implicar aos nenos e nenas para manter a filosofía do plan no futuro, e subliñou que mañá no discurso do colexio felicitará á rapazada polo traballo que levan feito no centro e sobre o Plan Revitaliza.

Pola súa banda, a presidenta de Amigos da Terra, Raquel Fernández Rodríguez agradeceu unha vez máis á Deputación a súa aposta pola compostaxe. “Nós levamos traballando anos nisto, primeiro de xeito voluntario en proxectos piloto, pero unha vez que se viu que é viable economicamente e que axuda á chegar á xente, estamos contentísimos de participar nun proxecto serio como o Plan Revitaliza que permitirá reducir os residuos”, apuntou.

Fernández tamén quixo salientar que a fórmula do plan provincial de compostaxe está baseada nas persoas e non só nos bens materiais. “O gran cambio do Plan Revitaliza é apostar por que a xente traballe coa cidadanía, porque xa houbo outros intentos nos que non había persoal técnico e non saíron adiante. Os proxectos coma este sempre funcionan”, dixo.

Deja un comentario