+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

UXÍO BENÍTEZ: “A OBRA DE SAN VICENTE É UN EXEMPLO QUE CHEGARÁ ALÉN DAS NOSAS FRONTEIRAS”


O deputado de Mobilidade explicou que as obras proxectadas pola Deputación levan bo ritmo e rematarán en prazo logo do parón estival

“O proxecto da estrada de San Vicente é estrela para o Concello pero tamén para a Deputación. Vai ser exemplo na provincia e tamén fóra das nosas fronteiras de como se fomenta unha mobilidade enfocada ás persoas”. Así o manifestou o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, durante unha visita aos traballos de mellora da estrada EP-9106 en O Grove, que pararán a finais de xuño para evitar molestias á veciñanza e o turismo durante os meses de verán.

Benítez comprobou in situ o alto nivel de execución da obra, aínda que destacou que o traballo feito non é o máis visual: xa está rematado todo o ensanche da sección da plataforma, as canalizacións de telefonía e electricidade, así como a instalación de tubaxes de saneamento e pluviais. O nacionalista explicou que se acondicionará todo o ámbito de actuación para que no verán quede garantida a seguridade dos usuarios e que os traballos se retomarán en setembro coa finalidade de cumprir o prazo de catro meses de execución.

O responsable da rede viaria da Deputación apuntou a súa satisfacción ao ver que unha vez se vai executando a obra se visualiza que será un exemplo de como se poden facer obras doutra maneira. “Cando chegamos á Deputación dixemos que viñamos para cambiar a forma de actuar nas estradas. Durante moitos anos fixéronse obras pensando en primeiro lugar no vehículo privado. Tiñamos que cambiar a prioridade e que as persoas, sobre todo os colectivos máis vulnerables, nenos e nenas, persoas maiores ou con discapacidade, fosen as destinatarias das melloras”, insistiu. Engadiu que dado que a obra de San Vicente é das máis avanzadas na provincia poderá ser un exemplo que mostrar aos demais alcaldes, “no que poderán comparar como se facían as cousas antes, con beirarrúas dun metro que non valían para nada porque eran inaccesibles”.

En canto ao proxecto, Benítez lembrou que ten un ámbito de actuación de 900 metros entre o cruce coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. Haberá unha senda de 2,5 metros de largo delimitada por elementos de iluminación e con rodadura diferenciada de formigón, e zonas de convivencia de peóns e coches sobreelevadas nas que haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros hora.

Como elementos de seguranza viaria instalaranse cinco pasos de peóns sobreelevados (‘lombos’) e dez redutores físicos de velocidade de vehículos. Ademais, incluirase o derrubamento dunha parte dunha construción nunha curva moi pechada que impedía a visibilidade para os condutores. Hai que lembrar que a actuación incluirá a reforma da contorna da igrexa de San Vicente, creando unha nova praza con diferentes pavimentos –adoquín e pedra- delimitados por bolardos, deixando un espazo de acceso exclusivamente peonil.

O orzamento da obra, máis de 540.000 euros, financiarase grazas ao convenio de colaboración asinado entre Deputación e Concello, aportando a institución provincial o 80% e a municipal o 20% restante.
Modelo novidoso
O alcalde de O Grove José Cacabelos destacou hoxe tamén que a reforma da estrada de San Vicente foi unha das melloras que o concello reclamou prioritariamente dende a súa chegada ao goberno. “Esta actuación viña sendo demandada polos veciños e ninguén fora capaz de sacala adiante e a verdade é que dende o primeiro momento, dende a primeira reunión que mantivemos, tivemos a colaboración do deputado de Mobilidade Uxío Benítez. A partir de aí o proxecto comezou a tomar consistencia e facerse realidade”, dixo.
Esta obra é “importantísima”, segundo dixo o rexedor, dada a cantidade de tránsito peonil que hai dende o centro de San Vicente, da igrexa e do cemiterio e tamén para as praias. “Penso que este é un dos fitos máis importantes deste mandato e dos últimos anos no Concello de O Grove porque é algo que o rural nos estaba a demandar. É unha obra que está en prazo e que mellorou moitísimo con respecto ao que pensabamos facer. Penso –apuntou- que estamos a cumprir as expectativas e obxectivos que nos marcamos”.
Cacabelos destacou que substitución das beirrarrúas iniciais pola senda peonil e as zonas de convivencia foi unha proposta do persoal técnico da Deputación. “Nós tiñamos a idea da típica beirarrúa, pero a verdade é que isto mellora moito máis e sobre todo fai factible a obra, porque facer as beirarrúas no senso tradicional non ía a permitir facer a actuación nos treitos máis estreitos, nos que sería obrigatorio expropiar e tirar casas, que non era a cuestión. Aquí do que se trata é de mellorar a seguranza viaria, darlle prioridade aos peóns e que os vehículos que accedan a esta zona teñan claro que teñen que calmar a velocidade porque é unha zona de convivencia con prioridade para o peón. É un tratamento urbano nunha zona rural, moi novidoso no concello de O Grove e que para nós é moi importante. As plataformas de convivencia son a mellor solución para as zonas estreitas. Estamos moi satisfeitos”, engadiu.
O rexedor tamén agradeceu á Deputación e á empresa que se paren os traballos durante o verán porque dende o mes de xuño polo vial pasan moitos vehículos. “Seguramente ía a ser un problema continuar coa obra tanto para a xente como para a propia empresa. Estas son das praias máis visitadas do noso concello. É intelixente paralizar en xullo e agosto e despois rematar a obra cara a final de ano”.

Deja un comentario