+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ESCULTURAS REALIZADAS CON PAN, A CONTORNA DA ESTRADA N541, A RELACIÓN ENTRE CORPO E PINTURA E UN TOTEM DE 4 METROS DE ALTO PROTAGONIZAN A MOSTRA COLECTIVA “NOVOS VALORES 2017”


Yolanda Ríos Coello, Malú Feijoo, Aitor Víctor Fernández Marcos e Borja Guerrero, os e as catro gañadoras da pasada edición do certame, veñen de inaugurar a mostra coas pezas que realizaron ao abeiro da bolsa de formación
Esta mañá reuniuse o xurado que seleccionará as obras finalistas e gañadoras da edición Novos Valores 2018
“Esta mostra exemplifica a importancia que teñen as bolsas de formación deste certame, porque hoxe aquí podemos ver como a obra destes e destas catro artistas evoluciona e medra, e como foi bebendo das experiencias e das escolas polas que pasaron ” asegurou esta tarde o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a inauguración da mostra que recolle a obra dos e das gañadoras do certame Novos Valores 2017. A exposición, que pode visitarse no claustro do Edificio Sarmiento ata o vindeiro 22 de xullo, está conformada pola obra de Yolanda Ríos Coello, Malú Feijoo, Aitor Víctor Fernández Marcos e Borja Guerrero. Na inauguración participaron os catro, que estiveron acompañados polo director do Museo, Carlos Valle, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Tanto Carlos Valle como Xosé Leal parabenizáronos por esta mostra colectiva e transmitíronlle o desexo de que “teñades unha carreira longa e frutífera” e de que “volvades a ver, no futuro, a vosa obra exposta de novo neste Museo.”
Na edición 2017, o xurado de Novos Valores seleccionara como gañadoras unha obra de escultura, unha do apartado de ‘varios’, unha en fotografía, e outra en debuxo. No apartado de escultura resultara elixida a obra titulada ‘Balcones (serie)’, realizada en madeira de balsa por Yolanda Ríos Coello, de Bueu. No apartado de ‘varios’, o xurado elixira a obra titulada ‘Espacios definidos’, unha peza que mesturaba debuxo e fotografía de Malú Feijóo, de Baiona. Na categoría de fotografía a obra gañadora titulábase ‘Crebas de ti, eu’, unha obra dixital en cor de Aitor Víctor Fernández Marcos, de Ourense. No apartado de debuxo a obra gañadora levaba por título ‘A Viaxe’ e correspondía a Borja Guerrero Parapar, de Cariño. Cada un dos gañadores e gañadoras recibiron como premio unha bolsa de 1.500 euros para ampliación de estudos ou proxecto artístico.

As bolsas de estudos
A través da bolsa de estudos do certame, Yolanda Ríos realizou un curso de formación de catro meses na Escola Massana de Barcelona e, posteriormente, un obradoiro co artista Carlos Garaicoa no CGAC de Santiago de Compostela. O obxectivo desta artista bueuesa era o de profundar en técnicas escultóricas contemporáneas e experimentais e por iso elixiu o curso “Hands Thinking. Deseño de procesos e experimentos para a creación de obxectos” na escola barcelonesa, no que traballou en deseños de obxectos e mobles poñéndoos en relación coa relixión católica. Yolanda Ríos explicou que a partires deste plantexamento chegou á simboloxía que o pan ten na relixión e comezou a crear mobles a medio camiño entre a escultura e a maqueta realizados con pan. “Aquí recuperei o meu interese sobre o confesionario como elemento de comunicación, de barreira entre interlocutores e de transmisión de segredos, que xa viña de atrás, e a partires desta idea funlle dando forma a todas as pezas que hoxe temos aquí expostas” explicou a artista. Todas as pezas de Yolanda Ríos que se poden ver na mostra están realizadas en pan agás unha que mestura madeira, metal e espello.
Aitor Víctor Fernández Marcos explicou que utilizou a primeira parte da bolsa en custear cursos de formación con tres fotógrafos internacionais clásicos e con carreira consolidada, como son o portugués Paulo Nozolino, o guatemalteco Luis González Palma, e o estadounidense Gregory Crewdson. A segunda parte da bolsa destinouna á produción da obra que se pode ver na mostra e que leva por título “As da noite”. Aitor Víctor Fenández indicou que estas fotografías naceron da súa experiencia persoal e vital arredor da N541, a estrada que une Ourense con Pontevedra, o lugar no que reside e o lugar no que estuda, e coa súa circunstancia de ter que viaxar por esta estrada de madrugada para facerse cargo de súa avoa dependente e que finalmente faleceu no transcurso da realización do proxecto. “Extrapolei a miña forma de sentir o loito aos lugares que delimitan esa estrada pola que eu tiña que ir de noite, como son as beiras, os lugares de paso, as paradas, as árbores, a terra ou as estrealas” afirmou o artista durante a súa intervención. O proxecto completo consta neste momento de 19 pezas, pero para esta mostra fixo unha selección de 8 fotografías.
Malú Feijoo aproveitou a bolsa de formación para continuar coa investigación que centra a súa tese doutoral e que versa sobre as relacións actuais entre o corpo e a pintura. A artista tamén viaxou a Florencia onde realizou un curso de cerámica na Accademia D’Arte ADA Firenze. O obxecto deste curso foi o de poder materializar –en pezas de cerámica- os espazos que xera o seu propio corpo nos procesos relacionados coa pintura. Malú Feijoo explicou que as 5 pezas que expón conteñen “a relación entre varios elementos da miña investigación como son o corpo, o espazo, a pintura e a pegada”. Así, utilizou as súas mans como recipientes –de pintura-, os lenzos como rexistro do xesto e da forza coa que derramaba a pintura sobre eles, e as pezas de escaiola como materialización do espazo entre o seu corpo e o lenzo.
Borja Guerrero, pola súa banda, utilizou o total da súa bolsa de formación na produción da obra que pode verse na mostra. “Trátase dunha obra aínda inconclusa que simboliza unha nave do tempo na que viaxar ao paraíso, entendido como un retorno á infancia e como un reencontro cos seres queridos que xa partiron, pero como un reencontro aínda en vida” indicou o artista. Borja Guerrero achega á exposición unha peza concibida como un tótem de catro metros de altura, que polas súas dimensións se expón no exterior do claustro, no corredor de acceso. A peza está conformada por 14 cadros e por elementos de diferentes materiais como a madeira, a tea, o papel e o metal. Está concibida, ademais como unha obra portátil, e no interior do claustro, facendo parte da mostra, exhíbense catro fotos en branco e negro da peza situada en plena natureza.
Xurado Novos Valores 2018
Esta mañá, o xurado do certame Novos Valores 2018 mantivo a primeira das súas xuntanzas, co obxecto de seleccionar as obras que pasarán a participar na mostra Novos Valores deste ano. Nesta edición recibíronse un total de 99 obras, das cales 19 corresponden á categoría pintura, 26 a escultura, 17 a fotografía, 7 de vídeo creación, 10 en debuxo, 8 en gravado, 2 en deseño e 10 no apartado de varios. O xurado nesta edición está formado polo artista nacido en Marín, José Solla; pola artista e gañadora de Novos Valores 2016, María Maquieira; polo artista e gañador de Novos Valores 2016, Olmo Cuña; pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García; polo director do Museo, Carlos Valle; pola técnico provincial de Xestión Cultural María del Carmen Baloira; e polo xefe do Servizo de Cultura e Lingua, Antonio Santos, como secretario. Nesta primeira xuntanza todos os integrantes do xurado realizaron unha primeira visualización das obras das diferentes disciplinas e está previsto que desta sesión saia xa unha proposta da selección de pezas que participarán na mostra Novos Valores 2018. A selección definitiva das obras gañadoras realizarase nunha segunda xuntanza do xurado.

Deja un comentario