+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

VILABOA ESTREA COMPOSTAXE INDIVIDUAL COA VISTA POSTA EN ACABAR O ANO CO PLAN REVITALIZA IMPLANTADO EN TODO O CONCELLO


Persoal técnico da Deputación e de Amigos da Terra, xunto co concelleiro de Medio Ambiente, mantiveron unha reunión de formación coa veciñanza de Bértola e Figueirido

O Concello de Vilaboa reuniu aos veciños e veciñas da vila, das parroquias de Bértola e Figueirido, que estrearán os composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación e compostarán os seus biorresiduos nas súas casas. Persoal técnico provincial e do colectivo Amigos da Terra, xunto co concelleiro de Medio Ambiente Francisco Costa, explicaron que a compostaxe foi elexida como novo modelo de xestión de residuos para o municipio de Vilaboa tanto por motivos ambientais como económicos. Subliñaron a intención de que a finais de ano o modelo estea implantado en todo o concello, tanto a través de composteiros individuais como de composteiros comunitarios.

O concelleiro Francisco Costa destacou aos veciños asistentes ao encontro, que finalmente se celebrou no local social do campo da festa, que a nova normativa europea esixe que no 2020 os concellos composten ou recollan de forma separada todos os residuos orgánicos. Así mesmo, indicou que a implantación do Plan Revitaliza débese tamén a motivos económicos, xa que o concello sufre un déficit do 70% nos ingresos para a recollida e tratamento de lixo. “É un desastre para o noso orzamento e hai que tomar medidas. A nosa aposta é retirar o orgánico da recollida de lixo e pensamos que poderemos chegar a un aforro do 30% do custe”, apuntou.

Costa dixo que os composteiros individuais son os que mellor se adaptan á tipoloxía da poboación no municipio e indicou que unha vez sexan repartidos, terán un seguimento técnico por parte de persoal provincial e da asociación Amigos da Terra, coa que a Deputación ten un convenio de colaboración. Insistiu, en calquera caso, en que instalaranse novos composteiros comunitarios para dar servizo ás zonas máis densas e a produtores singulares, xa que os que hai instalados ata o de agora demostraron unha redución moi significativa do lixo que se envía a Sogama e tamén unha mellora e aumento da separación das fraccións do papel e os plásticos. “Unha vez se instalen os 11 centros de compostaxe que faltan e que xa temos adxudicados xa se verán mellor as cifras do aforro. Estaremos pendentes do que acontece nos meses de xullo e agosto, e veremos que xa é posible reducir as frecuencias de recollida da fracción resto”, apuntou.

Entrega de composteiro, remexedor e termómetro
Pola súa banda, persoal técnico da Deputación (mestras e mestres composteiros) repartiron os composteiros individuais, manuais de compostaxe, un remexedeor, e un termómetro a cada representante de cada domicilio particular. Tamén explicaron en que consiste o Plan Revitaliza da Deputación, como se composta, e algunhas cuestións prácticas como o modelo de préstamo das biotrituradoras para producir estruturante coa poda das fincas.

O técnico de Amigos da Terra (AdT) Gustavo Cochón apuntou tamén cuestións xerais sobre a onde vai o lixo xeral que se produce, que máis da metade é de tipo orgánico, e que este se pode aproveitar como un recurso para producir compost. Explicou os beneficios da compostaxe , como se debe instalar o composteiro individual na finca, os materiais compostables e os que non se deben botar, así como a importancia extrema de aportar estruturante cando se depositan restos orgánicos. Tamén engadiu que durante os primeiros 12 meses nos que a veciñanza estea compostando recibirá visitas das técnicas de Amigos da Terra nas casas para comprobar que o proceso se fai correctamente, medindo todos os parámetros, resolvendo dúbidas e recollendo datos. Finalmente detallou cales poden ser os usos do compost na terra e como utilizalo para tirarlle o maior proveito.

Nas vindeiras semanas o Concello de Vilaboa e o persoal técnico continuará a facer novas charlas formativas por outras parroquias, para o que se seguirá a convocar á veciñanza mediante chamadas telefónicas directas. En calquera caso, todas as persoas interesadas en coñecer en que consiste a compostaxe ou resolver dúbidas poden acudir ás charlas e preguntar ás mestras composteiras e ao persoal de AdT.

Deja un comentario