+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA CHAMA AO “NECESARIO COMPROMISO SOCIAL” PARA CAMBIAR A REALIDADE DAS MULLERES DEPORTISTAS NA VI GALA DO DEPORTE FEMININO CELEBRADA EN VIGO


O Concello de Vigo recibiu un recoñecemento especial polas súas políticas en apoio do deporte feminino e pola enorme acollida á Gala de Mudegá que encheu o Museo Verbum

Cheo total. A VI Gala do Deporte Feminino Galego, celebrada por primeira vez en Vigo, desbordou todas as expectativas e encheu ata a bandeira o Museo Verbum en Samil nun evento que foi unha auténtica homenaxe ás deportistas, clubs e entidades que no ano 2017 protagonizaron os maiores éxitos deportivos e se distinguiron polo seu traballo e apoio ao deporte feminino en Galicia. De feito, o Concello de Vigo na persoa do alcalde, Abel Caballero, recibiu un recoñecemento especial polo seu traballo e compromiso coas políticas de igualdade no deporte, pola súa aposta pola promoción do deporte feminino e pola súa aportación á organización da Gala.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa emoción pola acollida e resaltou “a necesidade de reivindicar os éxitos das deportistas para seguir a fomentar a igualdade entre homes e mulleres, xa que o deporte é un ámbito que chega a moitos sectores da sociedade, especialmente a nenos e nenas“.

Silva baseou a súa alocución en datos obxectivos “que mostran que se miramos o número de licenzas federativas as mulleres somos minoría, pero en canto damos o salto, en canto chegamos, ocupamos rapidamente a elite. Por iso, dixo a presidenta provincial, é tan importante facer políticas e actividade para que iso ocorra“. Carmela Silva incidiu en como as mulleres o pasado ano bateron máis récords que os homes, e nos últimos Xogos Olímpicos máis medallas que eles. “Sen embargo, dixo Silva, as deportistas ocupan o 5% do espazo dos medios deportivos e moitas veces con termos e un trato denigrante, machista e indignante”. A presidenta provincial, que puxo exemplos de titulares arrepiantes referidos ás deportistas, fixo un chamamento “para cambiar esta realidade e a base para facelo é o compromiso social. Aínda así, dixo Silva, xa estamos a cambiala a golpe de loita individual, colectiva e ao través das redes de mulleres”

A Gala, na que se conmemorou o décimo aniversario de Mudegá, promotora dos Premios, foi dedicada co moito agarimo á deportista viguesa Judith Rodríguez, a tiradora internacional de esgrima que aínda se recupera das graves feridas sufridas nun accidente de tráfico cando volvía de competir coa selección. O evento contou coa actuación musical de “Son Trío” e se entregaron os Premios ás mellores deportistas, clubs e iniciativas en favor do deporte feminino do ano 2017.

Premios
Como mellor deportista recibiu o galardón a xogadora de baloncesto María Pérez Araújo, que converteu o 2017 no seu ano de consolidación na elite do baloncesto. A mellor deportista con diversidade funcional foi Susana Rodríguez Gacio, subcampioa de Europa e do mundo en paratriatlón. Como mellor deportista feminina promesa foi premiada Melania Rodríguez, campioa do mundo en dobre minitramp e dúas veces campioa de Europa. O galardón para mellor adestradora foi dobre, para a seleccionadora técnica da Federación Galega de Taekwondo Noelia Pérez e para a adestradora de ximnasia Isaura Hermida.

O mellor equipo galardoado foi o Mecalia Atlético Guardés, que o ano pasado logrou o fito histórico de ser o primeiro club galego de balonmán en proclamarse campión de Liga. O premio á traxectoria deportiva foi para Marta Bobo, mellor ximnasta galega de todos os tempos. Zulema González foi recoñecida como mellor árbitra, despois de que en 2017 comezar a dirixir partidos de Primeira División Feminina.

Como mellor directiva foi galardoada Carmen Barro, que leva á fronte da Federación Galega de Karate dende 2009 e sempre apostando moi forte polo karate feminino. O Club Halterofilia Coruña foi premiado como mellor club despois de gañar, en 2017, todas as categorías dos campionatos de España nos que participaron os seus equipos femininos. O xornalista da Radio Galega Antonio López foi recoñecido como mellor xornalista do deporte feminino polo seu programa “Galicia en Tokio”, onde pon voz a mulleres e homes olímpicos galegos.

Como institución pública amiga do deporte feminino recoñeceuse ao Concello de Pontevedra e á empresa privada Durán Maquinaria como entidade privada máis colaboradora co deporte feminino. Como mellor iniciativa a prol do deporte feminino houbo dous premios: o Grupo de Estudos de Xénero, Actividade Física e Deporte do INEF da Coruña e o programa didáctico da Universidade de Vigo “O xénero nos ollos”. Na gala de hoxe tamén houbo unha emotiva mención especial para recoñecer a espléndida traxectoria da atleta guardesa Julia Vaquero, unha das mellores deportistas galega de toda a historia.

Deja un comentario