+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

O PECHE DOS PROCESOS XUDICIAIS ABERTOS, CLAVE PARA A NEGOCIACIÓN DO CONVENIO DE SALCEDA


Os/as representantes sindicais do Concello de Salceda pretendían o debate dunha moción que a propia secretaria municipal informou como “contraria á legalidade por prescindirse total e absolutamente do procedemento establecido”, na que solicitaban o recoñecemento da antigüidade mediante trienios ao persoal laboral (non funcionario) do Concello. Cabe lembrar que xa foron varios os empregados e empregadas municipais que levaron o asunto aos tribunais, denegándose por parte dos xulgados todas e cada unha das peticións nesta liña. Advirte a secretaria municipal que o feito de tomarse este acordo no Pleno “sería determinante de nulidade de pleno dereito conforme dispón o artigo 47.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas”.
Lamentan dende o equipo de goberno que os sindicatos traten de enganar ao persoal municipal, facéndolles partícipes de solicitudes contrarias á lei, tal e como lle teñen manifestado xa varios xuices: “Descartado que el personal laboral del Concello sea perceptor de ese haber por trienios, circunscribiéndose su ámbito subjetivo al personal funcionarial”, ratificando incluso este feito por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Deste xeito, manifestan dende o Goberno que “prodúcenos moita tristura ver a persoal municipal participar nunhas reivindicacións que non se axustan a dereito, e máis aínda saber que o fan enganados/as por quen quere aproveitarse da súa boa fe para poñelos/as na palestra”.
Lembran tamén dende o equipo de goberno que o único xeito de recoñecer antigüidade no persoal laboral é mediante as mesas de negociación, que tiveron que interromperse ao decidir os traballadores e traballadoras presentar demandas xudiciais ao mesmo tempo que se estaban a levar a cabo as negociacións do convenio, facendo absolutamente inviable dita negociación, que se poderá retomar unha vez rematen os xuizos pendentes por parte dos empregados e empregadas municipais.
A pesar de que a moción na que se pedían os trienios para o persoal laboral non era competencia plenaria, o Alcalde admitiu a solicitude de debate e de intervención por parte dos representantes sindicais do Concello. Ditos representantes solicitaron a negociación do convenio colectivo para o Concello de Salceda, e o equipo de goberno incidiu na necesidade de rematar cos procesos xudiciais abertos por parte dos traballadores e traballadoras para poder retomar as negociacións. O Goberno Local lembra que no ano 2009 chegouse coa negociación á proposta de arbitraxe por parte do Inspector Xefe da Delegación de Vigo, Jose María Casas de Ron, proposta aceptada polo Equipo de Goberno e rexeitada polos representantes sindicais daquel entón. De ter sido levada adiante dita arbitraxe, dende aquel mesmo momento o Concello de Salceda contaría co seu Convenio Regulador.

Deja un comentario