+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

MEDIO AMBIENTE BUSCA QUE OS GALEGOS INTERIORICEN A SEPARACIÓN E RECICLAXE DE ENVASES NO SEU DÍA A DÍA


A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático participou esta mañá nunha das accións de rúa da campaña ‘Únete ao reto’, co que se premiará a aqueles concellos que superen o reto de reciclar máis envases

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio márcase o obxectivo de que os galegos interioricen a separación e reciclaxe de envases no seu día a día. Así o trasladou esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, durante a presentación de novas accións de rúa da iniciativa Recicla, respira e supérate. Únete ao reto, impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración con Ecoembes, co fin de fomentar a reciclaxe de envases lixeiros nun total de 15 concellos pola vía da concienciación e mediante diversas accións de impacto na rúa.

Así, dende hoxe varios técnicos medio ambientais percorrerán as rúas dos 15 concellos participantes para que melloren polo menos nun 10% a porcentaxe das achegas que fixeron ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) no mesmo período do ano anterior.

Explicou que se nos tres meses que dura a campaña os concellos son capaces de incrementar esa porcentaxe, tendo en conta os datos do mesmo período do ano anterior, recibirán como recompensa 2.000 euros, unha cantidade que poderán destinar á causa social que elixan.

A directora recordou que se trata dunha primeira fase de carácter “experimental” e agradeceu a colaboración dos concellos de Santiago, Ferrol, Narón, Ribeira, Boiro, Lugo, Monforte, Viveiro, Vilalba, Ourense, O Barco, Pontevedra, Vilagarcía, Redondela e Marín; que foron escollidos tras analizar as zonas nas que a campaña tería un maior impacto e pola súa representatividade, xa que en total suman preto de 700.000 habitantes.

Explicou que ademais da acción de rúa presentada esta mañá, tamén se fixeron outra serie de actuacións que buscan comprometer á cidadanía na mellora das taxas de reciclaxe de envases lixeiros nos seus respectivos concellos, como a instalación temporal dun contedor xigante amarelo nun lugar público e visible, a iluminación de edificios singulares dos concellos ou a realización de graffitis no chan mediante unha técnica non agresiva que permite que a pintura desapareza ao cabo dunhas semanas.

Outras iniciativas para fomentar a reciclaxe
A campaña Únete ao reto súmase ás múltiples accións e iniciativas que se están a desenvolver no marco do convenio de colaboración asinado en 2016 entre a Xunta de Galicia e Ecoembes co fin de fomentar a reciclaxe na comunidade.

Entre elas, cómpre mencionar o Proxecto Horeca, destinado a locais de hostalería, restauración e catering co fin de fomentar a recollida de envases neste sector, a campaña Separa con xeito, para incentivar a reciclaxe en feiras e feiróns que se desenvolven por toda a comunidade, ou a colocación duns 2.500 novos contedores para a recollida de envases e de papel e cartón en 182 concellos.

Todas estas actuacións están a ter xa efectos directos e visibles en Galicia, ao detectarse un aumento da recollida de envases respecto a meses anteriores. Con este mesmo obxectivo, a campaña Únete ao reto aspira a seguir mellorando as porcentaxes de residuos depositados no contedor amarelo, inicialmente nos 15 concellos adheridos e nunha segunda fase, no resto de Galicia.

 

Deja un comentario