+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

PONTE CALDELAS LICITA AS OBRAS PARA A HUMANIZACIÓN DA PRAZA DE ESPAÑA E OS XARDÍNS DE CARBALLAL


O Concello culmina o traballo administrativo para a modernización urbanística máis importante da historia recente da vila

As empresas construtoras xa poden presentar as súas ofertas, ata o próximo 12 de xullo incluído, para as obras de humanización da praza de España e dos xardíns de Xerardo Carballal, un importante volume de obra, valorado en case 700.000 euros que supón a actuación urbana máis importante da historia do Concello de Ponte Caldelas.
O Concello aprobou o expediente de contratación e abriu o prazo de presentación de ofertas, cun prazo de 20 días naturais, ao obxecto de cumprir os requisitos e o calendario fixado dentro do Plan de Reequilibrio da Deputación Provincial, que cofinancia estas melloras. As obras da praza de España e primeiro tramo da avenida de Vigo contan tipo de saída de 328.123,45 euros e as dos Xardíns de Carballal, de 287.876,54 euros.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) apura os trámites administrativos para poder comezar ambas obras o 1 de setembro, xusto despois das festas de verán. Estarán así rematadas antes do fin do ano. Ao mesmo tempo, o Concello realizará algúns traballos de mellora en rúas do centro urbano para reorganizar o estacionamento e ampliar beirarrúas. Estímase que Ponte Caldelas gañará unhas 200 prazas de aparcamento en batería, situadas fundamentalmente ao longo da avenida de Vigo, na contorna onde se se sitúa o balneario, cuxos terreos veñen de ser adquiridos pola institución municipal.
Ponte Caldelas, explica o alcalde, Andrés Díaz, debe camiñar despois dun longo estancamento e agora vese claramente que hai diversos proxectos en marcha que encaixan perfectamente uns con outros. “Queremos ser unha referencia de modernización, de pobo que busca o seu futuro e que sabe explotar toda o seu potencial non só como vila turística, senón como vila atractiva para residir e facer vida, aproveitando a nosa posición privilexiada no mapa, a cabalo entre Pontevedra e Vigo”.
O proxecto de transformación da praza de España, primeiro tramo da avenida de Vigo e xardíns de Carballal abrangue unha superficie total de 4.000 metros cadrados. Deseña unha nova centralidade urbana na que convivirá o tráfico rodado, cun carril de saída para a avenida de Marín (rúa lateral á Alameda) co uso peonil, acabando co caótico deseño actual, produto da acumulación de diferentes actuacións inconexas ao longo do tempo.
A principal singularidade será a instalación dunha fonte luminosa de chorros na cabeceira da Alameda. A actual fonte do chafarís dos xardíns de Carballal será trasladada á explanada fronte ao colexio Cordo Boullosa e presidirá a rotonda que regulará o tráfico coas rúas de Concepción Areal e Rosalía de Castro, onde o Concello tamén pretende racionalizar este espazo, sentando as bases para unha futura e nova praza.

Deja un comentario