+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

PONTE CALDELAS “POSA” PARA JOSÉ ORTIZ


O artista obsequia ao Concello cun cadro no que xoga con técnicas de cartelería para debuxar os elementos patrimoniais da vila do Verdugo

Unha “foto de grupo” do patrimonio da vila de Ponte Caldelas, representada a lapis e tinta polo artista José Manuel Ortiz, preside dende hoxe o vestíbulo do salón de plenos e da Alcaldía. O creador homenaxea ao pobo situando nun lenzo de 1 metro por 0,70 metros os elementos máis significativos da súa arquitectura, das súas paisaxes urbanas e dos elementos patrimoniais e etnográficos.
Ortiz recalca que cede o traballo de xeito provisorio, “ao alcalde e ao seu equipo de goberno, en recoñecemento ao cambio que chegou a Ponte Caldelas, e mentres se manteña este aire que era tan necesario”. Un recoñecemento que, destaca, encádrase na súa total independencia e ausencia de compromiso con ningunha forza política.
O alcalde, Andrés Díaz, en nome do Goberno municipal (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradeceu o xesto deste artista multidisciplinar, autor da escultura da troita de Ponte Caldelas, pero que atesoura unha longa carreira profesional por toda España. De feito, ten desenvolvido a súa creatividade nos campos máis diversos, comezando polo debuxo e a pintura e pasando pola talla de madeira e a forxa, especialidade á que se ten dedicado con intensidade na súa última etapa.
Ortiz explicou que o cadro xurdiu como un pasatempo durante o pasado inverno e un retorno a súa paixón temperá pola cartelería. O cuidado polo detalle reflíctese tamén na busca das fontes tipográficas para a lenda Ponte Caldelas da base. O proceso creativo comezou coa toma de máis de 150 fotografías dos elementos representados no cadro. A partir de aí compuxo a súa representación no lenzo como se tratase dun posado e xogando coa perspectiva, coa posición e tamaño de cada obxecto.
Os hórreos, o calvario do Casteliño, a Casa da Cultura, a fonte da praza do Bispo… paga a pena pararse neste auténtico paseo de tinta pola Ponte Caldelas monumental para buscar e recoñecer os distintos elementos, representados con mestría e elegancia e compoñendo un plano turístico-artístico de indubidable interese da vila do Verdugo.
O autor quixo homenaxear especialmente aos canteiros e por iso predominan os edificios, pero destacando tamén os muros de Ponte Caldelas, coa súa feitura particular de pedras labradas nos bordos, recheo de cachotería e belos remates. Tamén aos mestres carpinteiros que deixaron a súa pegada en ventás e no interior de tantas vivendas. E, por suposto, aos elementos máis recoñecibles de Ponte Caldelas, comezando polo río e a ponte. En resumo, unha homenaxe á arte e ao traballo de oficio, ben feito, que acaba formando parte da paisaxe e da memoria colectiva.

Deja un comentario