+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA ENXALZA O PAPEL DE “VIVE NIGRÁN” NA PROMOCIÓN DA MÚSICA E DO TURISMO E O SEU COMPROMISO COA IGUALDADE E O MEDIO AMBIENTE


Os días 20 e 21 de xullo “imos facer felices a moita xente con este gran festival da marca #RíasBaixasFests que, en dous anos de vida, xa ten unha grande madurez e calidade”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, o director do festival, Juan Rivas, e persoas representantes das entidades patrocinadoras, deron a coñecer coa música en directo do grupo “Maryland”, a programación de “Vive Nigrán”, un dos #RíasBaixasFests, que terá lugar os días 20 e 21 de xullo no campo de fútbol de Praia América.

Carmela Silva destacou as achegas do festival tanto á promoción da música como ao turismo. Neste eido, a presidenta provincial asegurou que o festival “manifesta a aposta de Nigrán pola cultura e pola industria musical que en toda a provincia de Pontevedra está a cobrar un especial significado”. Amais, Silva destacou que “o festival permite acadar un dos obxectivos marcados no Plan Estratéxico de Turismo, de converter a este lugar nunha referencia turística ligada á música ao tempo que se estenden entre a cidadanía valores positivos”.

Amais da música e do turismo, Silva tamén puxo en valor aspectos que promove “Vive Nigrán” e están relacionados “con dúas cuestións que para a Deputación de Pontevedra son fundamentais: a sustentabilidade e a igualdade”. Máis polo miúdo, a presidenta da institución provincial referiuse a que ao longo do festival vaise a poñer en marcha unha campaña, promovida pola Deputación, “para loitar contra os plásticos, que están facendo morrer o noso mar, e as cabichas que inundan as nosas praias”. A través de “Somos historias, somos sostibles”, tal e como informou Carmela Silva, “queremos manifestar o noso compromiso co medio ambiente, con deixar este paraíso no que vivimos non como o recibimos, senón moito mellor”.

En canto á igualdade, en “Vive Nigrán”, a través de “Conta comigo eu respéctote” vaise promover unha campaña de loita contra as agresións sexuais que padecen as mulleres. “Nestes días nos que en España se está a falar da necesidade de mudar o Código Penal e tamén as mentes, a través da campaña queremos concienciar á sociedade para promover un cambio real”, asegurou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación destacou que “imos facer felices a moita xente con este gran festival que, en dous anos de vida, xa ten unha grande madurez e calidade” e augurou “que se o ano pasado foi un exitazo, este ano vai ser aínda mellor”.

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, seguindo as declaracións da presidenta provincial, asegurou que “o ano pasado foi un éxito parcial porque este ano vai ser o ano da consolidación de “Vive Nigrán” como un dos grandes festivais galegos”. Neste contexto, González agradeceu á Deputación a promoción do festival no marco dos #RíasBaixasFests, “xa que nos da máis forza e nos fai máis coñecidos. Somos sete festivais que non competimos entre nós, senón que colaboramos para ser unha referencia a nivel estatal e europeo”.

O director do festival “Vive Nigrán”, Juan Rivas, puxo en valor o papel das administracións públicas no éxito do festival. “Sen elas sería difícil poñer en marcha un festival desta envergadura, con grupos como Nathy Peluso, De Pedro, Maryland, Cala Vento, Mujeres, Mireia Vila, Odd Cherry Pie Esteban & Manuel e Abraham Boba DJ Set, o día 20 de xullo, e Sidonie, The LImboos, Mueveloreina, Bigott, Las Odio, Alondra Bentley, Calavera, Inerties, Indian Hawk, Sidonie DJ Set, Esteban & Manuel DJ Set e Picnic Pop DJ, o 21 de xullo”, asegurou Rivas.

O festival, que terá lugar no campo de fútbol de Praia América, ten tamén segundo os organizadores vocación familiar. Deste xeito, ofertará actividades infantís, triplicando as do ano pasado, relacionadas ademais cos valores que se están a promover no festival como é o caso do Medio Ambiente.

Deja un comentario