+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN MELLORARÁ A SEGURANZA VIARIA NA ESTRADA PROVINCIAL DIMO-COAXE EN CATOIRA


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o proxecto, de case 80.000 euros, inclúe elementos de calmado de tráfico, así como a mellora de trazado na curva do arcebispado

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai mellorar a seguranza viaria na estrada provincial EP-8703 Dimo-Coaxe, no termo municipal de Catoira. O deputado Uxío Benítez explica que o proxecto, cun orzamento base de licitación de preto de 80.000 euros, inclúe elementos de calmado de tráfico e a mellora de trazado nunha intersección onde o arcebispado cedeu terreos, á altura do punto quilométrico 1+600.
Segundo apunta Benítez, na actual actuación contémplase a execución de redutores de velocidade e de algúns pasos de peóns sobreelevados, así como a mellora do trazado e dunha intersección na que se ampliará o radio de xiro e mellorará a visibilidade. Desta forma, cos novos elementos de calmado de tráfico, preténdese inducir aos vehículos que circulan pola estrada EP-8703 a adaptar a súa velocidade á convivencia co tránsito de persoas, o que supón unha substancial mellora da seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns que circulan pola plataforma.

Para poder facer a mellora na intersección o Concello conseguiu que o arcebispado cedese parte dos metros cadrados do solar que ten nas inmediacións do punto 1+600. Posteriormente a administración local remitiu a cesión destes terreos á Deputación, e a institución provincial, que está pendente dun informe sobre a superficie do ámbito de actuación, pasará o proxecto de forma inminente a Contratación.

Deja un comentario