+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

60 MENORES PARTICIPARÁN NO CAMPAMENTO URBANO DE VERÁN GRATUÍTO QUE OFRECE O CONCELLO DE BAIONA


Un total de 60 menores participarán no “Campamento Urbano Verán 2018” do Concello de Baiona

A actividade celebrarase nos meses de xullo e agosto, é gratuíta financiada integramente polo Concello de Baiona e está destinada a menores de 5 a 11 anos. A adxudicación das prazas levouse mediante sorteo público.

A Concellería de Cultura e Mocidade de Baiona organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre os nenos empadroados e os nenos que teñen no noso concello a súa segunda residencia.

Para a celebración das actividades establécense dúas quendas: do 16 ao 31 de xullo (excepto e 25 de xullo, por ser festivo) e 1 ao 14 de agosto. Os horarios serán de luns a venres de 10.30 a 13.30 horas e haberá 30 prazas por quenda. Os nenos e nenas que non dispoñan de praza, pasaron a formar parte da lista de espera, coa finalidade de cubrir as baixas que se poidan producir.

Durante o campamento desenvolverase un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Haberá xogos de cooperación, visitas á Carabela Pinta e a Virxe da Roca, realizarán un tramo do Camiño pola Costa, unha festa temática cada fin de quenda, etc. A recepción dos participantes sempre terá lugar na Praza do Concello.

O Alcalde comentou que o “Campamento Urbano de Verán” é un proxecto dinamizador, cultural e de lecer, co que se pretende propiciar espazos lúdicos durante o verán aos nenos e nenas de Baiona, durante o mes de xullo, coincidindo coas vacacións escolares de verán, a través de actividades relacionadas coas habilidades, a lectura, a comunicación, a igualdade, o deporte, a saúde ou o medio ambiente…”.

Esta iniciativa cobre dous obxectivos fundamentais: Por unha banda, no que respecta aos nenos e nenas, o obxectivo é ofrecer un espazo de lecer e tempo libre mediante esta oferta co obxectivo de fomentar actitudes e hábitos de axuda, respecto, colaboración, cooperación e non discriminación, motivar e reforzar a creatividade, imaxinación e expresión e aprender a gozar do tempo libre dunha forma útil. En canto ás familias, busca contribuír á conciliación da vida familiar e social.

Os interesado poden comprobar o resultado do sorteo de admitidos/ as na páxina web do Concello de Baiona www.baiona.org

Deja un comentario