+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INICIOU AS OBRAS DE MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL EP-1008 AO SEU PASO POLO LUGAR DE VILANOVA EN CANGAS


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que se realizou o fresado do firme e que o asfaltado e pintado serán inminentes
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra realizou as obras de mellora dos 300 metros finais da estrada provincial EP-1008, no lugar de Vilanova, dentro do termo municipal do concello de Cangas. O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou que no día de hoxe se realizaron os traballos de fresado do firme e que nas vindeiras xornadas se procederá ao asfaltado e pintado da sinalización horizontal.
A realización dos traballos de mellora da estrada foran confirmados o pasado mes de marzo polo deputado á concelleira Mercedes Giráldez logo de que durante un tempo houbera dúbidas sobre a titularidade da estrada. Unha vez resoltos, a Deputación redactou e licitou o proxecto, sendo adxudicataria a empresa Covsa por 46.970,46 euros. O prazo de execución das obras é de dous meses, mais segundo indica o persoal técnico da Deputación, o máis probable é que estean rematadas de xeito inminente, tal e como estaba previsto, para crear os menores problemas posibles ás persoas usuarias, tanto da veciñanza como turistas que van cara aos núcleos de Alada, Barreiros e Couso, e tamén como acceso á praia de Areabrava, o que multiplica a afluencia na tempada estival.
Ata o de agora o último treito da EP.1008 presentaba importantes deficiencias estruturais que foron identificadas polos vixiantes das estradas provinciais da zona: fochancas, fendas e cuarteiróns, afundimentos e peraltes defectuosos, ademais de carecer dunha correcta sinalización horizontal.
Coa actual proposta de mellora para ese fragmento da vía fresarase o firme existente, aplicarase unha rega de adherencia, a correspondente pavimentación, unha nova capa de material antiescorregadizo e finalmente outra capa de rodadura. A actuación rematarase coa sinalización horizontal, a instalación dos redutores físicos de velocidade e a mellora da drenaxe lonxitudinal de augas.

Deja un comentario