+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

O CONCELLO DE PONTE CALDELAS LEVA REPARADOS UNHA DUCIA DE PARQUES INFANTÍS DO RURAL


Os Orzamentos municipais, inclúen, por primeira vez unha partida específica para o mantemento das instalacións

Os máis de 30 parques infantís de todos os lugares do rural de Ponte Caldelas están a cambiar notablemente de aspecto. O plan municipal para a reparación integral destas dotacións vai moi avanzado e, despois de comezar a súa andaina o pasado mes de abril, xa pasou por unha ducia de lugares.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) decidiu acometer unha actuación en profundidade e incluíu unha partida específica, dotada con 35.000 euros, para a reparación da totalidade dos parques do rural. O obxectivo, poñer fin ao mal estado co que se recibiron estas instalacións ao comezo do mandato, moitas delas tan deterioradas que mesmo tiveron que ser precintadas.
O plan de mantemento comezou por Silvoso, onde se puxeron en perfecto estado os dous parques e, a día de hoxe pasou xa por A Roca, Pazos, Laxoso, Chaín (2), Barbudo, Anceu, Paradela e Gradín. Ao longo do verán continuará polo resto do municipio ata completar a totalidade das instalacións.
A empresa encargada dos traballos realiza un repaso en profundidade para tratar os elementos metálicos e de madeira, eliminando todo tipo de defectos. As pezas máis deterioradas son substituídas e os xogos quedan perfectamente vernizados e pintados. As melloras inclúen tamén os valados perimetrais, alá onde existen.
As obras contan coa dificultade administrativa de que moitos dos parques infantís están situados en terreos que non son de propiedade municipal, polo que a actuación do Concello debe cinguirse ao mantemento e conservación, sen posibilidade de novos investimentos.
Por outra banda, ao longo deste ano executarase tamén unha mellora integral dos tres parques urbanos situados na praza de Frai Antonio Orge (fronte á gardería), o paseo da Calzada e o edificio Sol. O parque central de Ponte Caldelas é completamente novo, xa que foi estreado en 2017.

Deja un comentario