+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

OS BOLECHAS, ANFITRIÓNS NA INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DE BAIONA PARA OS MÁIS PEQUENOS


 

Os personaxes máis famosos da literatura infantil galega, os seus irmáns Bolechas e o seu can, serán os encargados de levar a cabo o primeiro espectáculo infantil o día da inauguración do rehabilitado edificio Sancti Spiritus que alberga a Biblioteca Municipal da Vila, o vindeiro sábado 7 de xullo. A inauguración oficial terá lugar ás 11:00 e a función dos Bolechas será ás 12:30 h. A Concellería de Cultura quere que os máis pequenos do municipio teña protagonismo o día da inauguración dun edificio tan importante para todos os cidadáns; e os nenos e nenas baioneses non podían quedar á marxe da celebración. Hai que Inculcar e fomentar nos infantes o hábito e o pracer da lectura, a aprendizaxe e a utilización das bibliotecas ao longo de toda a súa vida e isto téñeno claro en Baiona. Durante a función que ten por título “Os Bolechas, ou amigo monte”, unha vez máis a simpática familia bota man dunha proposta divertida que ten, á súa vez, un compoñente didáctico moi vinculado á nosa comunidade e aos intereses que defende sempre a popular familia, neste caso o medioambiente. Para iso profúndase na necesidade de manter unha contorna natural coidado e en boas condicións incidindo nas principais medidas a tomar para evitar os graves problemas que ameazan o noso medio actualmente. De maneira transversal, como é habitual, trataranse cuestións moi próximas a esta, como é o traballo en equipo, a colaboración, fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas. O espectáculo mestura o formato de monicreques manipulados por actores á vista con actores reais. Aínda que os verdadeiros protagonistas da historia son, como é habitual, as nenas e nenos que participan na actividade, especialmente pensada para estudantes de educación infantil e primaria. A actividade está organizada polo programa de promoción do galego bautizado como FalaRedes, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva adiante en concellos incluídos na Rede de Dinamización Lingüística ( RDL). A entrada é gratuíta ata completar aforamento.

Deja un comentario