+034 986 09 02 04 Xoves 15 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN PROPÓN UNHA OBRA QUE ROLDARÁ OS 865.000 EUROS PARA MELLORAR A ESTRADA DE PONTE DE VAL-BARCIA DE MERA EN MONDARIZ


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a actuación abarca máis do dobre de lonxitude e está “máis adaptada ás necesidades” que a proposta do anterior goberno provincial

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vén de propoñer unha obra que rolda os 865.000 euros para mellorar a estrada de Ponte de Val-Barcia de Mera. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, así llo confirmou ao alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín nun encontro no que se perfilaron cuestións técnicas do anteproxecto e no que o rexedor manifestou a súa satisfacción pola proposta. O nacionalista asegurou que a actuación está máis adaptada ás necesidades da zona que a do anterior goberno provincial: o novo deseño abarca case o dobre de lonxitude (2.660 metros), amplía a sección ata os sete metros transitables, corrixe radios de curvas e rasantes en puntos perigosos e inclúe elementos de calmado de tráfico.
Segundo indicou Benítez, en xuño de 2015, unha vez que xa coñecía a súa saída do goberno provincial, o presidente Louzán presentou un proxecto para a estrada provincial EP-4306 para o que non se utilizara ningún dato real de tráfico -supúxose unha intensidade media diaria de vehículos pesados inferior a 50-, propoñendo unha variante do trazado e algunhas melloras. A finais de 2017, coa chegada dos novos criterios provinciais de mellora de estradas propúxose reformular o proxecto anterior para adaptalo á situación física da estrada e á poboación á que dá servizo. De feito, os novos datos técnicos aportados polo Plan de Aforos da Deputación revelan que a intensidade media diaria de tráfico na estrada é de 378 vehículos, cun 2,12% de vehículos pesados.
“Con estes datos e os novos criterios do Servizo de Mobilidade non se xustifica un cambio de trazado de tipo variante pola súa afección ao territorio, polo que se optou pola mellora da sección transitable da actual estrada e a corrección de radios de curvas e rasantes. A proposta que fai a nova Deputación é moi consecuente coas necesidades reais da veciñanza, supón un proxecto que mellorará notablemente a seguranza viaria na zona e durará moitos anos”, apuntou Benítez.
A estrada, así manterá o trazado actual e case duplicará a lonxitude do proxecto previo, abranguendo 2.660 metros de lonxitude, entre os PQ 2+760 e o 5+420. Os carrís serán de 2,75 metros de largo, haberá unha cuneta transitable dun metro de largo na marxe esquerda e unha beiravía de medio metro na marxe dereita, polo que a sección transitable será de sete metros de largo. A maiores, proponse a renovación de todo o firme con materiais de base máis axeitados que os existentes, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical, a colocación de novas barreiras de seguridade e a ampliación das obras de drenaxe transversal. O importe de execución material da obra roldará os 865.000 euros, que se concretarán unha vez estea redactado o proxecto definitivo.
Aceptación veciñal
O alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín destacou a súa satisfacción polo cambio no proxecto para mellorar a estrada entre Ponte de Val-Barcia de Mera, unha vía que comunica o centro de Mondariz coa parroquia. “Agora estanse a utilizar criterios sostibles tanto en investimento como en seguridade. O que se pretende é que o investimento sexa consecuente coas necesidades”, dixo, para engadir que o novo deseño é “máis ambicioso” que o anterior porque amplía o ámbito de actuación, mellora o trazado actual cun ensanche, e calma o tráfico.
O rexedor indicou que para levar adiante a nova proposta o Concello xa intentou conseguir as cesións de terreos dos veciños e veciñas afectados. “Por motivos diversos, porque non apareceron propietarios e tamén por outras cuestións –explicou-, non fomos quen de facelo, polo que agora estamos a estudar outras vías para conseguir as fincas necesarias”.
En calquera caso, Montes Bugarín asegurou que xa mantivo unha reunión coa veciñanza beneficiada pola actuación e que, salvo por pequenas cuestións puntuais, o novo proxecto ten os parabéns veciñais. “Nós como Concello tamén valoramos positivamente o anteproxecto e estamos dispostos a traballar coa Deputación para que se realice a obra”, finalizou.
As obras serán posibles grazas a un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Mondariz, no que se determinarán as porcentaxes de financiamento de ambas institucións, seguindo o decálogo provincial.

Deja un comentario