+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Comezan as obras de construción dunha nova praza no centro de Porriño


O proxecto de obra, cuxo presuposto rolda os 300.000 euros, considera a creación dun novo espazo público de recreo achegando funcionalidade a un céntrico enclave que actualmente se encontra en desuso, e a mellora do entroncamento de dúas das principais vías de acceso á nosa zona urbana

Continuando na liña de traballo en materia urbanística trazada polo Concello de Porriño en pro de construír un municipio ordenado e humanizar novos espazos públicos e de recreo para uso e desfrute de todos os veciños, mañá xoves comezarán a executarse as obras de construción da nova praza que en pleno centro urbano.
Actualmente, a zona de entroncamento da rúa Antonio Palacios e a Avenida de Galicia, espazo próximo á Casa Consistorial e ao centro histórico do noso municipio, conta con varios inmobles en estado ruinoso que, ademais de dar unha mala imaxe impiden o correcto desenvolvemento urbanístico. Ambas as dúas edificacións foron adquiridas no ano 2011 polo Concello de Porriño, para proceder á súa demolición e á posterior execución deste plan no soar resultante.
O proxecto de obra, cuxo presuposto rolda os 300.000 euros, considera a transformación deste lugar nun novo espazo público de recreo, achegando funcionalidade a este céntrico enclave, e a mellora do entroncamento de dúas das principais vías de acceso á nosa zona urbana.
Na rotonda que comunica a rúa Antonio Palacios coa Avenida de Galicia e a Rúa Domingo Bo acometeranse unha serie de melloras, a ampliación a dous carrís de entrada e saída á Avenida de Galicia; actuación que mellorará notablemente o tráfico e diminuirá as retencións axilizando o acceso ao centro de Porriño. Así mesmo, a estreita rúa que comunica actualmente a zona peonil coa avenida transformarase nun vial de acceso.
A creación novas zonas abertas de recreo e o limpamento de espazos abandonados é un marcado obxectivo do goberno local, “Dende o Concello seguiremos promovendo melloras na calidade de vida dos veciños de Porriño mediante o aproveitamento dos espazos públicos”, asegura o alcalde de Porriño, Nelson Santos, “Este proxecto ademais de supoñer unha mellora estética substancial, facilitará o acceso á zona urbana axilizando notablemente o tráfico en dúas das vías máis transitadas do centro”.

Deja un comentario