+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN SACA A CONTRATACIÓN AS OBRAS DA NOVA GLORIETA DA BREA EN MARÍN


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o orzamento total da actuación supera os 150.o00 euros
A Deputación de Pontevedra vén de facer oficial a obra para a mellora da seguridade viaria na intersección entre a EP-1201 Marín-Penizas e a EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro (Marín) coa licitación da obra na plataforma dixital. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, as empresas interesadas terán ata o 24 de xullo para presentar as súas propostas, cun orzamento de saída de 121.168,11 euros e un prazo de execución máximo de seis meses.

As ofertas terán que ser analizadas tecnicamente valorando o programa e equipo de traballo (18 puntos), o plan de control de calidade (5 puntos), a memoria de traballo (18 puntos), e o plan de actuación ambientais (8 puntos). As empresas pasarán despois á valoración económica, onde o menor prezo ofertado obterá un máximo de 51 puntos. Unha vez estudiados todos estes criterios, realizarase unha proposta de adxudicación, que deberá ser aprobada en Xunta de Goberno. A partir de aí formalizarase o contrato e presentarase a acta de replantexamento da obra.

O prazo de execución dos traballos está fixado en catro meses polo que, se a tramitación administrativa non se complica e a climatoloxía o permite, a actuación poderá estar finalizada a primeiros do próximo ano. Hai que lembrar que aprobación do proxecto da nova glorieta demorouse máis do inicialmente previsto, xa que a proposta inicial era dun maior tamaño, tal e como solicitara o goberno local, quen intentou modificar o seu PXOM para encaixar a construción.

Tras máis dun ano dende o deseño inicial, o concello de Marín desistiu da modificación do planeamento –pola súa dificultade- e solicitou ao departamento de Mobilidade provincial unha modificación do proxecto para adaptalo ao ordenamento vixente. Así, a nova glorieta será máis pequena e estará desprazada con respecto á previsión. Tamén foi necesario modificar as expropiacións de tres fincas, por valor de 28.916, 09 euros.

O obxectivo da nova glorieta, lembrou Benítez, é aumentar a seguranza viaria na confluencia das dúas estradas provinciais nunha zona de conexión coa variante de Marín na que se xunta tanto o tráfico que vai tanto ao núcleo de Marín e á zona de Seixo como ás praias do concello, e que se incrementa na temporada estival de xeito importante. O orzamento total ascende a 150.084,20 euros.

 

Deja un comentario