+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

SANXENXO CONSOLÍDASE COMO DESTINO DE CALIDADE CON MÁIS DE 120 EMPRESAS DO SECTOR TURÍSTICO RECOÑECIDAS CO DISTINTIVO SICTED


Nava Castro salientou durante o acto a aposta de Galicia pola excelencia como demostra o incremento do 25% no número destes certificados na última década

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Sanxenxo na entrega dos distintivos do compromiso de calidade turística SICTED, que posicionan a este municipio como destino de calidade ao ter máis de 120 empresas turísticas con este certificado promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Durante o acto, Nava Castro felicitou a esta localidade pontevedresa e aos empresarios do sector polo seu traballo que é, dixo, “o perfecto exemplo do camiño da excelencia polo que traballa Galicia”. Referiuse ao aval dos seus bos resultados turísticos, cando o pasado mes de maio Sanxenxo rexistrou un 16% máis de turistas aloxados nos seus establecementos hoteleiros, que realizaron un 14% máis de noites e, ademais, a estadía media dos seus visitantes foi a mellor de todos os destinos galegos.

Así mesmo, xunto á consecución destes distintivos SICTED, tamén é salientable a posición de Sanxenxo como a localidade galega co maior número de praias con bandeiras azuis, un total de 13, ás que se suman os dous portos distinguidos e a súa rede de sendeiros azuis. “Crecemos en cantidade pero, sobre todo, marcámonos o obxectivo de seguir afondando na excelencia e con destinos como Sanxenxo o estamos acadando”, explicou Nava Castro.

Neste sentido, Galicia afronta a tempada estival de 2018 co reto de afondar no modelo turístico que ten como principais piares a sustentabilidade e a calidade, diversificando a oferta, preservando o patrimonio natural e cultural e ampliando os circuítos turísticos con novos produtos e experiencias. De feito, o Goberno galego impulsou este 2018 un conxunto de axudas para o sector e os concellos que superan os 6 millóns de euros e que inclúen o impulso e acompañamento para acadar certificados de calidade avanzando así nos obxectivos da Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do Goberno galego e o sector que senta as bases do modelo turístico co horizonte do Xacobeo 2021.

Sete destinos en Galicia
SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con empresas e servizos turísticos de ata 32 oficios e subsectores diferentes. Este proxecto ten como obxectivo incrementar a experiencia e satisfacción dos turistas e visitantes, ademais de axudar ás empresas a perfeccionar de forma continua os seus procesos.

Sanxenxo é un dos sete destinos SICTED cos que conta a Comunidade galega, ao que se suman Baiona, Ferrol, Guitiriz, provincia de Pontevedra – Rías Baixas, Santiago de Compostela e Terras de Pontevedra Norte – Deza Tabeirós. En todos eles Galicia suma a máis de 450 entidades distinguidas, das que preto do 30% están en Sanxenxo, incluíndo hoteis, casas rurais, cámpings, cafeterías, restaurantes, praias, oficinas de turismo, axencias de viaxe ou taxis, entre outros servizos.

Estes distintivos teñen cada vez máis peso na nosa Comunidade como demostra o feito de que no conxunto de Galicia o número de empresas con este recoñecemento medrase un 25% na última década. Xunto ao acto destes certificados SICTED, a directora de Turismo de Galicia tamén participou no acto de entrega da terceira edición dos premios Sanxenxo, calidade turística onde se galardoou a diferentes empresas locais na categoría de aloxamentos, restauración, taxis, comercios e servizos turísticos.

Deja un comentario