+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

A LIMPEZA DA BROZA EN TÓDOLOS CAMIÑOS E ESPAZOS PÚBLICOS DE PONTE CALDELAS ABRANGUE XA 20 HECTÁREAS


As dúas brigadas municipais “repasaron” 14 dos 33 núcleos do rural

A campaña anual de limpeza e corta da broza de todos os núcleos rurais de Ponte Caldelas avanza aproveitando o bo tempo. Dende que a campaña deu comezo a finais do pasado mes de abril pasou xa por 14 dos 33 pobos de Ponte Caldelas e limpou unha superficie equivalente a unhas 20 Hectáreas.
O Goberno local de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) ten, dende este mes de xuño, a dúas brigadas realizando os labores de limpeza. Gracias a este impulso o operativo pasou polos pobos de Caldelas, A Quintán, Cuñas, Paradela, Gradín, Contixe, Mirón, Xustáns, Baltar, Regodobargo, Silvoso, Caritel e, nestes días está a rematar os lugares de Buchabade e Taboadelo.
O alcalde, Andrés Díaz, comprobou o avance dos traballos hoxe mesmo en Taboadelo e anunciou que de aquí ao remate do verán todo o rural caldelán terá recibido a “pasada” destes dous equipos, un deles municipal e o outro contratado para este fin.
A limpeza integral da rede municipal de camiños e espazos públicos é unha medida posta en marcha polo actual equipo municipal dende o comezo do mandato, polo que é o terceiro ano que se realiza. Na medida do posible faise coincidir a presencia das brigadas cos días previos aos principais eventos e festas populares de cada lugar.
A campaña realízase con medios exclusivamente manuais, incluíndo o soprado dos restos vexetais. O Concello, de acordo coa resolución plenaria adoptada recentemente, non utiliza ningún tipo de herbicida ou produto químico.
Ademais desta campaña municipal, o Concello tamén xestionou diante da Deputación Provincial a reparación das cunetas das estradas provinciais de Rebordelo-Barbudo e Caritel-Esfarrapada-Anceu, que se atopaban completamente cegadas dende hai tempo, provocando problemas coas augas pluviais.

Deja un comentario