+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

NOVO REPARTO DE COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS DO PLAN REVITALIZA ENTRE A VECIÑANZA DE VILABOA


A segunda reunión formativa será este venres 29 ás 20 horas no recinto da feira de Figueirido

A Deputación de Pontevedra vén de convocar un novo reparto de composteiros individuais do Plan Revitaliza entre a veciñanza do Concello de Vilaboa. Será este venres 29 ás oito da tarde no recinto da feira de Figueirido e están convocados máis de 125 veciños e veciñas propietarios de casas unifamiliares con finca. Con esta segunda entrega continúase o cronograma previsto para que toda a cidadanía do municipio trate os seus restos orgánicos (residuos de cociña e de xardín) mediante a compostaxe antes de finais de ano.

Segundo explica o técnico de residuos da Deputación Agustín Vidal Portela, estase a citar por teléfono á veciñanza de xeito personalizado e agárdase ter un novo éxito de convocatoria como aconteceu a semana pasada. No reparto, que incluirá tamén unha charla formativa, estarán presentes tanto a equipa do Plan Revitaliza (mestras e mestres composteiros), unha técnica da asociación ecoloxista Amigos da Terra (María Durán), así como o titular da Concellería de Medio Ambiente no Concello, Francisco Costa.

Na reunión entregarase un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico, un manual de compostaxe, e un saco de mostra de estruturante (material leñoso que se ten que misturar cos biorresiduos domiciliarios). Na charla explicaranse os motivos polos que é importante a xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas como o modelo de préstamo das biotrituradoras para producir estruturante propio coa poda das fincas.

A representante de Amigos da Terra (AdT), pola súa banda, explicará tamén cuestións xerais sobre o lixo, apuntando que máis da metade do que se produce nos domicilios é de tipo orgánico, e que non é eficaz nin económica nin ambientalmente falando levalo a queimar a Sogama.

Durán falará dos beneficios da compostaxe, indicará como se debe instalar o composteiro individual (COIN) na finca, os materiais compostables e os que non se deben botar no COIN , así como a importancia de aportar estruturante cando se depositan restos orgánicos.

 

Seguimento técnico
É preciso lembrar que durante os primeiros doce meses nos que a veciñanza comece a compostar os seus residuos orgánicos nos COIN do Plan Revitaliza, as persoas usuarias van dispor de asesoramento e seguimento técnico directo, xa que recibirán unha media de cinco visitas domiciliarias das técnicas de Amigos da Terra. Nestas visitas o persoal técnico comprobará que o proceso se fai correctamente, medindo todos os parámetros, e resolverá dúbidas. Tamén estará a disposición da cidadanía o persoal técnico da Deputación.

Deja un comentario