+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

A BANDEIRA AZUL XA LOCE NA PRAIA FLUVIAL DA CALZADA


Ponte Caldelas estrea tamén unha ampla superficie de herba natural para tomar o sol ao lado do seu areal

A bandeira azul ondea na praia da Calzada, único areal fluvial de toda España co distintivo de calidade que outorga anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). O alcalde, Andrés Díaz, acompañado do concelleiro José Manuel Martínez e dos socorristas, izou o emblema, que permanecerá alí ata mediados de setembro.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca que a concesión da bandeira foi un premio á “honestidade institucional” despois da renuncia voluntaria a mediados da temporada do pasado ano por mor das dificultades na contratación dos tres socorristas necesarios. O alcalde engadiu que este requisito é fundamental non só para ADEAC, senón tamén para o propio Concello, pois é unha garantía absoluta para a seguridade dunha praia que non ten rexistrado nin un só incidente grave.
O Concello de Ponte Caldelas cubriu este ano as prazas de socorristas gracias á substancial mellora nas condicións dos contratos, que pasaron a ser de tres meses, en lugar dos dous habituais. Ademais, o salario quedou equiparado ao convenio de Instalacións Deportivas e Ximnasios de Galicia, unhas retribucións superiores ao habitual.
Por outra banda, Ponte Caldelas estrea este ano unha superficie de herba para tomar o sol ou gozar do aire libre ao lado do kiosko equivalente a dous campos de fútbol. A mellora introducida este ano súmase á regularización administrativa da concesión e reapertura do kiosko, á ampliación do paseo da Calzada con dotación dun carril-bici ou á estrea do sendeiro azul, actuacións todas elas realizadas ao longo do presente mandato municipal.
O Goberno local caldelán reitera o seu compromiso coa bandeira azul, coa mellora continua do espazo natural da praia da Calzada e coa responsabilidade na xestión.

Deja un comentario