+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN REMATA A MELLORA DA DRENAXE LONXITUDINAL NA ESTRADA PROVINCIAL MARCÓN-PINTOS


O deputado Uxío Benítez explica que a actuación, que tivo un orzamento de preto de 10.000 euros, permite mellorar a seguranza viaria na zona

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, vén de finalizar as obras de mellora da drenaxe lonxitudinal na marxe dereita da estrada provincial EP-0004 Marcón-Pintos-Reigosa no punto quilométrico 0+930, dentro do termo municipal do Concello de Pontevedra. Os traballos, segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, permitirán mellorar a seguranza viaria na zona e tiveron un orzamento de preto de 10.000 euros.

As obras, que se executaron nas últimas semanas, consistiron na limpeza das marxes e na colocación dunha cuneta remontable en paralelo á calzada, mellorando a drenaxe lonxitudinal co obxecto de recibir e canalizar augas pluviais procedentes da vía e da escorrentía superficial de zonas adxacentes. Os operarios da empresa adxudicataria Construcciones y Deslizados Galicia SL, realizaron nun primeiro momento unha roza retirando a vexetación existente. Posteriormente cortouse o pavimento e demoleuse o aglomerado cunha retroexcavadora de martelo rompedor para formar unha gabia drenante, composta por un tubo de PVC rodeado de grava e envolto un xeotéxtil. Finalmente executouse unha cuneta revestida de formigón remontable en forma de ‘L’ cunha sección de ata un metro de largo ata o límite das fachadas.

Esta mellora da estrada enmárcase dentro dos labores de conservación realizadas dende o departamento de Mobilidade, que está a apostar dentro da súa Estratexia de Mobilidade 3.0 por un labor de mantemento constante para mellorar a seguranza viaria na rede provincial. Segundo explicou o deputado Benítez, os traballos de drenaxe permiten non só garantir a correcta canalización das augas pluviais, senón que ademais melloran cunetas para facelas transitables e permitir que os vehículos fagan remontes de ser necesarias.

Deja un comentario