+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA BATE RÉCORDS E ACADA OS 57.444 VISITANTES NO PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO


O deputado de Cultura Xosé Leal e o director do Museo Carlos Valle destacaron o “tirón” das exposicións e das actividades programadas

É de salientar o alto número de visitas escolares e didácticas, que chegaron ás 14.978 no curso 2017-2018

O Museo de Pontevedra vén de bater novos récords de visitas cos datos acadados no primeiro semestre de 2018. Nos primeiros seis meses recibíronse un total de 57.444 visitantes, o que supón máis de 3.300 persoas máis que no mesmo período do ano anterior, cando a cifra chegou aos 54.127. Segundo afirmaron tanto o deputado de Cultura Xosé Leal como o director do Museo Carlos Valle, os bos resultados débense principalmente ao “tirón” das exposicións programadas, pero tamén ao extenso e variado abano de actividades que se celebran diariamente nas instalacións provinciais.

O responsable de Cultura Xosé Leal subliñou a súa satisfacción polo crecemento sostido no número de visitas e manifestou a importancia tanto de consolidar os asistentes habituais ás actividades do Museo, pero tamén, e sobre todo, de achegar a programación a novos públicos. Leal lembrou as ‘Visitas Cruzadas’ que nesta edición de 2018 foron un grande éxito incluso superando a boa acollida de 2017, dado que esgotaron as súas prazas en apenas minutos para coñecer dende unha perspectiva diferente obras que están en exposición permanente no Museo. “Estase a ver a potencialidade que ten o Museo de Pontevedra, tanto polos seus fondos como polas exposicións temporais. Estamos en boa liña e seguiremos a traballar para incrementar e diversificar aínda máis a tipoloxía das citas que se programan”, apuntou Leal.

Pola súa banda, o director Carlos Valle destacou que o Museo é un dos centros expositivos de todo o mundo con mellores cifras de visitantes tendo en conta a súa poboación de referencia, xa que o número de visitas anual supera amplamente o número de habitantes do concello de Pontevedra.

Valle concordou co deputado en que o bo resultado de visitas se debe a un conxunto de circunstancias no que destaca a programación e as actividades variadas e diarias que “están a funcionar realmente ben”. En concreto, o director do Museo destacou as visitas de escolares, que no curso 2017-2018 ascenderon a 14.978, e das que o 63% foron visitas didácticas nas que o gabinete do Museo, con persoal específico, realizou actividades e obradoiros con nenos e nenas de centros de toda a provincia tanto nas salas de Prehistoria e Historia Antiga (4.445 escolares), como nas salas de pintura (3.662 escolares), nos obradoiros ‘Que é un museo?’ (662), nas Ruínas de San Domingos (500), como sobre a figura de Castelao (94), cuxas salas –hai que lembrar- estiveron pechadas boa parte do tempo pola súa reforma.

En canto ás exposicións máis visitadas no que vai de ano, Carlos Valle explica que a grande exposición do semestre foi a dedicada a Alejandro de la Sota, en quen se centrou o Día das Artes Galegas. O director lembrou que a mostra foi moi ben acollida posto que foi a única na que se incidiu na vertente pontevedresa do autor e na “marabillosa” Pontevedra dos anos 20 e 30.

Novamente, facendo referencia a novos públicos, Valle salientou a exposición realizada grazas ao comisariado da rapazada asistente aos obradoiros de Taller Abierto, nenos e nenas que elixiron as pezas do Museo que máis interese lles suscitaron para reunilas nunha soa sala.

Deja un comentario