+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

A III FESTA GASTRONÓMICA DA EMIGRACIÓN CHEGA PARA ENCHER DE PÚBLICO A FIN DE SEMANA DE PONTE CALDELAS


O evento, que pechou o ano pasado con máis de 15.000 pratos vendidos, amplía a súa oferta para tentar a tódolos padais

O Concello xa ten pechados tódolos detalles para a celebración da III Festa Gastronómica da Emigración, o evento que se celebrará entre a noite deste venres, día 6 e o mediodía do domingo, día 8, para render homenaxe á cociña típica dos países irmandados con Ponte Caldelas a través dos fluxos migratorios.
A singular festa gastronómica, que ofrece pratos típicos a 5 euros, bebida incluída, converteuse en só dous tres anos nunha peza central da ampla programación sociocultural caldelá e nun dos eventos máis concorridos de cantos se celebran en toda a bisbarra, demostrando que é quen de atraer a milleiros de persoas.
Na Alameda repiten os establecementos de hostalería local, encabezados polo Mexicano de Tourón (cociña mexicana), Tapería Alalá (venezolana), Verdugolandia (uruguaia) e O Recanto (Estados Unidos). Estará tamén o Rodicio de Porteliña (Poio), representando á gastronomía brasileira, coa que Ponte Caldelas ten unha fonda relación. A variedade gastronómica complétase con establecementos hostaleiros foráneos que traerán pratos típicos da cociña portuguesa, italiana e española, ampliando así a oferta do ano pasado. Tamén haberá unha “polbería” con polbo á feira como prato galego. A relación complétase coas panadarías locais, Pan de San Antonio e Pecas, que proveerán un amplo surtido de empanadas e doces. O último posto dispoñible estará ocupado por un bar móbil que ofrecerá tamén mexillóns.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) mantén a política de prezos do prato típico a 5 euros, coa bebida incluída. As bebidas a maiores ao prezo, tamén único, de 1,50 euros. O Concello ocúpase da instalación de toda a loxística, os stands, e as mesas, cunha capacidade total para 1.200 comensais. Ademais atende o servizo de recollida das mesas.
O equipo municipal, despois do espectacular crecemento do ano pasado, cando se alcanzaron os 15.000 pratos vendidos, parte sen outra expectativa que a de manter o nivel de calidade alcanzado. A única preocupación, que viría do lado da meteoroloxía, está despexada pois as previsións falan de tempo soleado e non demasiada calor.
A Festa Gastronómica da Emigración conta tamén co aliciente das actuacións musicais en directo a cargo da charanga “Charandonga”, os mariachis “Amigos de México” e de Leonardo Flores, os grupos tradicionais “Nós tamén imos” e “Airiños da Fracha” e, finalmente, da batucada brasileira “Olodum do Coio”. Ademais, as noites do venres e do domingo pecharanse co espectáculo da Queimada Galega e unha degustación gratuíta.
Unha enquisa realizada o ano pasado entre os titulares dos 12 postos desta singular festa gastronómica saldouse cunha nota media de 9,5 sobre 10.

Deja un comentario