+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A RECEPCIÓN DO ‘ÁLBUM NÓS’ CONVIRTE AO MUSEO DE PONTEVEDRA NUN CENTRO DE REFERENCIA “INSUPERABLE” SOBRE CASTELAO ARTISTA E POLÍTICO


A presidenta da Deputación, o deputado de Cultura, o director do Museo e o alcalde de Pontevedra presidiron  a apertura das novas salas de exposición permanente sobre o “noso galego máis universal”
O Museo de Pontevedra viviu  unha xornada histórica ao dar a benvida oficial aos 50 orixinais do Álbum Nós e inaugurar dúas novas salas de exposición dedicadas a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Por primeira vez reúnense de xeito permanente preto de 200 pezas orixinais que explican a traxectoria artística e política dunha figura imprescindible para a historia da Galiza, e que fan do Museo de Pontevedra un centro de referencia “insuperable”.
No acto organizado pola Deputación de Pontevedra estiveron presentes tanto a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o deputado de Cultura Xosé Leal e outros membros da corporación provincial, como membros doutras institucións e administracións como o vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; Manolo Quintana en representación da Real Academia Galega das Artes; Fina Casalderrey como membro da Real Academia Galega; o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; a vicepresidenta da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín; ou a nova subdelegada do Goberno, Maica Larriba; entre outros.
O deputado de Cultura Xosé Leal abriu o evento subliñando que “a figura de Castelao sempre está de actualidade” e que institucións como o Museo de Pontevedra “deben ser a vangarda á hora de dignificar o pensamento do noso galego máis universal”. Leal indicou que “o pobo galego debe ter a posibilidade de gozar do Álbum Nós despois de tantos anos desaparecido, e de coñecer a historia galega dende a óptica de Castelao, que permite reafirmar a nosa cultura propia”, polo que salientou que o de hoxe é un día histórico.
O director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, manifestou pola súa banda a súa “enorme satisfacción” pola apertura das novas salas e pola exposición dos orixinais do Álbum Nós. Destacou que “nace a partir desta tarde un novo Castelao no Museo de Pontevedra”, xa que as pezas que se expoñen mostran o esencial do seu traballo de forma “insuperable”: “Complétase o ciclo Castelao non só no Museo de Pontevedra, senón en termos absolutos. Agás que apareza unha novidade de magnitude na súa obra -da que non temos noticia-, todo o importante do que Castelao produciu e realizou está aquí”, insistiu Valle.
Segundo lembrou o director, a incorporación do Álbum Nós ao Museo de Pontevedra produciuse de forma temporal en 2016 tras a investigación para preparar a mostra ‘Meu Pontevedra’. Tras o seu achádego, e unha vez que os propietarios confirmaron a cesión do álbum por cinco anos, foi cando se pensou na reformulación das salas de exposición debido a que a súa presenza obrigaba a buscarlle un acomodo específico que non rompese coa secuencia evolutiva de Castelao como artista e coa súa evolución ideolóxica dentro do Museo. “É ben sabido que o Álbum Nós marca un antes e un despois no labor de Castelao como artista e tamén, dende múltiples puntos de vista, na evolución da arte galega do século XX”, apuntou Valle.
Un retrato da Galiza
A presidenta da Deputación de Pontevedra, na súa intervención, puxo en valor que tiña que ser a cidade de Pontevedra e particularmente o Museo de Pontevedra, polos estreitos vínculos que ten con Castelao, quen acollese as 49 estampas e o autorretrato orixinal do Álbum Nós, que “non deixarán a ninguén indiferente”.

Carmela Silva destacou que o Álbum Nós supuxo o despegue de Castelao como artista e enxalzou a temática recollida polas estampas que amosan, “con preocupación e grande realismo”, as condicións de vida do pobo galego e as lacras sociais da Galicia daquel momento. Neste contexto, a presidenta provincial recordou algúns dos aspectos que se mostran a través do Álbum Nós como un verdadeiro retrato da Galicia, destacando desde a emigración, ao caciquismo, as inxustizas, as violencias contra as mulleres ou a marxinación social.

Amais, Carmela Silva enxalzou o papel desenvolvido polo Museo de Pontevedra á hora de recuperar os orixinais do Álbum Nós e recordou que durante o ano 2016, con motivo do Ano Castelao impulsado pola institución provincial as técnicas e técnicos do Museo desenvolveron unha ardua tarefa de investigación que os levou a atopar os orixinais desaparecidos dende os anos 30 do século pasado. Tamén tivo palabras Silva para destacar a xenerosidade da familia propietaria dos orixinais que os cedeu durante cinco anos.
O acto foi pechado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen insistiu en que a recepción do Álbum Nós no Museo de Pontevedra supón un “auténtico momento histórico”. O rexedor destacou que Castelao é un dos grandes “tótems” do Museo, unha figura importante na súa faceta como pintor e ilustrador, pero tamén como político, porque “foi quen de entender a nación e articular as súas aspiracións de autogoberno, foi quen de percebir o perigo de que o alleo apague o propio, e foi quen de denunciar, desde o xenio máis profundo do humor e a retranca, a traxedia clasista dun país que, para superarse, só ten que ser máis dono de si mesmo”.
Por todos estes motivos, Lores destacou que “cada un de vostedes poden ver o Álbum Nós como desexen, mais eu véxoo como un tesouro artístico capaz de armar todo un relato da nación galega en procura de si mesma. E por iso celebro esta magnífica exhibición dos orixinais depositados por un particular ao que todas e todos lle agradecemos o seu xesto xeneroso”. Engadiu que, coa chegada do Álbum Nós, “para un nacionalista coma min resulta un orgullo especial que o Museo da nosa cidade poida ser considerado non só a institución museística máis importante de Galiza, senón o noso auténtico Museo Nacional e, por tanto, un perfecto complemento desta cidade ilustrada, curiosa e tan intelectualmente activa: un grande facho cultural da Galiza contemporánea”.
Reformulación das salas
Ademais das intervencións institucionais, o acto de benvida ao Álbum Nós e da reformulación das salas Castelao contou coa actuación de Luís Caruncho e cunha performance da poeta Tamara Andrés. Así mesmo, os dous conservadores do Museo Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, persoal técnico que atopou os orixinais do álbum, fixeron unha visita guiada para as e os representantes institucionais e demais convidadas presentes.
Ambos explicaron que coa chegada das 50 estampas reformuláronse os contidos das salas con cambios substanciais, reordenando pezas de catro décadas de traballo de Castelao datadas dende primeiros anos do século XX ata avanzados os anos 40. Na primeira sala están dispostos os grandes lenzos, obras moi representativas da etapa na que Castelao aspiraba a ser artista, centrándose fundamentalmente na pintura. Están aí óleos de grande formato propiedade da Real Academia Galega en depósito no Museo, que proceden da decoración que Castelao realizou para o Gran Hotel de Mondariz e cuxa formulación previa en menor formato mereceu unha terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1915.
O Álbum Nós dispón dun espazo diferenciado propio e, segundo incidiron os conservadores, supón un punto de inflexión en Castelao como artista e da utilidade que el quere darlle ás súas formulacións plásticas. A partir del fóronse aportando outras pezas, como un conxunto de cartaces, xornais ou obras orixinais, que culminan na última sala coas pezas literarias e as grandes series como os álbumes de guerra, os debuxos de negros, e na aparición da súa relación co teatro, cos exemplares de ‘Os vellos non deben de namorarse’, caretas e outros materiais de primeiras representacións en Buenos Aires. Todo isto dando un papel principal á obra ‘Sempre en Galiza’, considerado o seu testamento como galego e como político.
En total, o Museo de Pontevedra exporá a partir de hoxe de xeito permanente preto de 200 pezas das que se incorporan como novidade non só as do Álbum Nós, senón tamén outras de menor entidade como, por exemplo, ata cartaces chegados en cesión dende Venezuela.

Deja un comentario