+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CAMBADOS ACOLLE A PRIMEIRA DAS PROXECCIÓNS DO DOCUMENTAL SOBRE FRANCISCO LEIRO


Terá lugar o vindeiro venres na praza de Ramón Cabanillas ás 22 horas e contará cunha actuación en directo de Lucía Martínez
‘Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro’ proxectarase o vindeiro venres 6 de xullo, ás 22:00 horas na praza de Ramón Cabanillas en Cambados, no concello no que naceu e no que vive parte do ano a escultor que protagoniza o documental. Segundo explica o deputado de Cultura Xosé Leal, esta proxección será a primeira das tres que a Deputación de Pontevedra promoverá en tres espazos da provincia nos que se ubica obra civil de Francisco Leiro: a propia praza de Ramón Cabanillas de Cambados, que acolle a súa peza ‘Baco’; a Illa das Esculturas de Pontevedra onde se ubica ‘Saavedra. Zona de descanso’ –na mesma canle do río Lérez-; e a Praza da Estrela de Vigo onde se atopa a peza ‘O Nadador’.
Con estas proxeccións o departamento de Cultura e Lingua pretende achegar a figura dun artista de recoñecido prestixio internacional á poboación da provincia, ao tempo que promove un diálogo entre o propio documental e a obra civil do artista, xa que as tres proxeccións se realizan a carón de pezas de Francisco Leiro. Segundo apunta o nacionalista Xosé Leal, ademais de poder visionar un documental que foi proxectado en moi poucas ocasións, o público tamén poderá gozar dunha intervención artística a cargo de Lucía Martínez, a responsable da música na cinta, quen realizará unha performance na que combinará música en directo, vídeo e sons das ferramentas de Francisco Leiro previamente gravados.
‘Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro’ é o resultado de máis de tres anos de traballo documentando e filmando o día a día de Leiro nos seus espazos de traballo: os seus obradoiros en Cambados, Madrid e New York. Supón ademais a primeira vez que o artista permitiu que un equipo de rodaxe entrara nos seus lugares de creación polo que este proxecto permite coñecer, desde un punto de vista íntimo e moi persoal, o traballo do escultor cambadés.
O documental, que data de 2016, está producido por Arraianos Multimedia e dirixido por Aser Álvarez. Desde entón foi exhibido en moi poucas ocasións e sempre en contextos de Festivais de cine ou audiovisual. A súa estrea fora en Londres, no Raindance Film Festival, en outubro de 2016 e posteriormente pasou polo Krafta Doc Internnational –Art Making Film Festival de Glasgow, e polo Festival Internacional de Cine Digital Experimental de Espacio Enter Canarias de Tenerife. Na Galiza participou no Festival Primavera do Cine de Vigo e na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Está previsto que no mes de setembro, o día 10, se proxecte no prestixioso Hay Festival de Segovia.
Francisco Leiro, un dos artistas galegos con máis proxección internacional de hoxe en día, naceu en Cambados nunha familia de ebanistas e carpinteiros. A súa obra comezou a salientar no circuíto internacional da arte a mediados da década de 1980, sobre todo en países como Brasil, Australia, Italia ou Holanda. No ano 1990 asina contrato de exclusividade coa Malborough, unha das galerías de arte máis prestixiosas do mundo. Actualmente, Francisco Leiro vive e traballa a cabalo entre New York, Madrid, e Cambados –ten o obradoiro en Corbillón- e soe traballar materiais moi diversos como a pedra, a madeira, o mármore ou o bronce.
A proxección do documental en Pontevedra está prevista para o xoves 12 de xullo na Illa das Esculturas, e a de Vigo terá lugar o xoves 19 na Praza da Estrela. Ambas terán lugar ás 22:00 horas.

Deja un comentario