+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA SUBLIÑA A APOSTA DO EMPRESARIADO POLA SUSTENTABILIDADE DO MAR NO VIGO SEA FEST


A Presidenta da Deputación de Pontevedra anima aos vigueses e viguesas a desfrutar dos produtos estrela da pesca da nosa cidade

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou  na presentación do “Vigo Sea Fest” a aposta pola sustentabilidade do mar e o concepto de igualdade en todas as actividades que van desenvolverse dende o próximo xoves. Silva asegurou que os “vigueses e viguesas non poden perderse unha festa vinculada ao produto estrela da pesca na cidade que é capital da pesca en Europa”.

Carmela Silva xunto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente do Porto de Vigo, a delegada de Zona Franca e a directora xeral de Pesca, amais do Presidente da Cooperativa de Armadores, Javier Touza, presentaron hoxe no gastro-mercado do Berbés a cita do “Vigo Sea Fest”, que se celebra na zona do Náutico ao longo deste fin de semana nunha superficie de máis de vinte mil metros cadrados. Para a Presidenta da Deputación o “Vigo Sea Fest” demostra o compromiso do sector privado da cidade vinculado a pesca coa idea de promocionar e dar a coñecer os seus produtos e, sobre todo, cunha explotación sustentable do mar. “Amais este compromiso estendese este ano por facer unha forte aposta por concienciar no uso dos plásticos que tanto dano están a facer aos nosos océanos”, subliñou Silva.

“Vigo Sea Fest –recoñeceu a Presidenta- vai ser o gran festival do peixe na nosa cidade con todas as elaboracións que se poden facer con el e que imos comprobar coas preparacións que van facer os cociñeiros e cociñeiras e que farán que o produto se convirta en excelente da man destes excelentes profesionais”. Silva recoñeceu que dende o xoves e durante todo o fin de semana a cidade vaise encher de grandes emocións ligados a este produto que é o peixe e que “tanto fala da nosa cidade” e que é “algo que todos os visitantes buscan”.

Previamente, na alcaldía do concello de Vigo, Carmela Silva e Abel Caballero, asinaron coa presencia do presidente e do xerente da Cooperativa de Armadores, Javier Touza e José Antonio Suárez-Llanos, un convenio de colaboración polo que a Deputación aporta 50.000 euros e o concello de Vigo 105.000 euros para financiar a celebración do festival.

Por último, a Presidenta da Deputación animou a todos os cidadáns a acercarse ao recinto do festival e desfrutar das preparacións dos 18 profesionais con produtos do mar que aportan os armadores de Vigo os mesmos aos que animou a seguir traballando en colaboración coas administracións “que apoiamos este festival, porque xuntas e xuntos somos moito máis fortes.

Deja un comentario