+034 986 09 02 04 Luns 19 de Novembro de 2018

OS COMERCIANTES DE PONTE CALDELAS REPARTEN BOLSAS DE TEA CO APOIO DO CONCELLO E DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL


A fin do plástico gratuíto dá paso a unha campaña de apoio ao comercio de proximidade e á lingua galega

Os comerciantes de Ponte Caldelas reparten bolsas reutilizables entre os seus clientes habituais. A campaña, impulsada pola asociación local, Coempo, afronta deste xeito a entrada en vigor do Real Decreto que obriga a cobrar polas bolsas de plástico dun só uso dende o pasado 1 de xullo e que obriga á súa retirada total no ano 2021.
A directiva de Coempo logrou o apoio da Deputación de Pontevedra a través dunha subvención dentro da convocatoria dirixida a entidades para a Dinamización da Lingua Galega. Deste xeito puxo en marcha a campaña “Merca en Coempo, merca contento/a”, lema que aparece grafado con tipografía inclusiva. As bolsas, elaboradas en tea termoselada especialmente forte e resistente á choiva inclúen ademais a imaxe corporativa da Deputación Provincial. Finalmente, no marco da colaboración estable entre o Concello e Coempo, figura o lema municipal “Ponte Caldelas está de moda”.
Os comerciantes caldeláns dispoñen dun total de 6.000 bolsas en cor vermella, azul e negra que xa se están a repartir entre os clientes habituais por tódolos establecementos asociados, co obxectivo de que se convertan nunha imaxe habitual nas rúas de Ponte Caldelas.
Ao acto de presentación, celebrado no Concello, asistiu o alcalde, Andrés Díaz, en representación do Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG). Por Coempo estivo o seu presidente, Suso Peleteiro, e os directivos Diego Rodríguez e Roberto Ricón. O alcalde destacou o dinamismo dos comerciantes caldeláns que organizan numerosas actividades ao longo do ano, sempre co ánimo de facer máis cómoda a experiencia de compra. Agora, subliñou, tiveron o talento de aproveitar a normativa sobre bolsas de plástico para combinar nunha mesma campaña a dinamización da lingua galega coa promoción do comercio de proximidade.
Suso Peleteiro explicou que hai tempo que tiñan gañas de sacar adiante esta iniciativa para acoutar o uso do plástico, pero o custo era un obstáculo. O apoio do Concello e o acceso á subvención da Deputación Provincial permitiron salvalo e o resultado, ao seu xuízo, é moi satisfactorio.
O presidente dos comerciantes caldeláns subliñou que dende a entrada en vigor da nova normativa xa se nota que moitos clientes prefiren traer bolsas da súa casa, polo que agarda unha gran acollida para esta iniciativa que aposta por un material de calidade, feito por e para Ponte Caldelas.

Deja un comentario