+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA INFORMA NA MESA DO CAMIÑO DA POSTA EN MARCHA DE VARIAS MELLORAS EN INFRAESTRUTURAS PROVINCIAIS EN MATERIA DE MOBILIDADE E SEGURIDADE PEONIL


A Presidenta da Deputación de Pontevedra subliña o repunte de visitantes que está a rexistrar o tramo provincial do camiño portugués e da costa

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou na “Mesa do Camiño” das actuacións que a institución provincial vai a acometer en tres viais provinciais que percorren tramos do Camiño así como das últimas cifras de repunte das persoas que están a facer o tramo portugués que para pola provincia de Pontevedra. Así Silva subliñou que o tramo Portugués tanto pola costa como polo tradicional “aumentou entre xaneiro e xuño creceu nun 15 por cento os seus usuarios e no caso da Costa duplicou os seus visitantes e a Vía da Prata creceu nun tres por cento e o camiño do Inverno creceu nun dous por cento”.

A Mesa do Camiño está conformada pola Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e os concellos de Barro, Soutomaior, Nigrán, Caldas, Portas, Pontecesures, Baiona, A Guarda, Vilaboa e Tui e pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués. Na xuntanza de hoxe estiveron presentes os alcaldes de Barro, Xosé Manuel Abraldes; Soutomaior, Agustín Reguera; e de Caldas, Juan Manuel Rey, ademais de concelleiros e concelleiras dos outros concellos; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores; e Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo.

Carmela Silva destacou que a Deputación está a acometer melloras en varios tramos das estradas Baredo-Lourenza en Baiona que comezarán en breve; Curro-San Amaro, en Barro, proxecto que xa está redactado; na rúa do Parque en Caldas de Rei; en Valga en Martores; e actuacións de seguridade vial no embarcadoiro de Oia. “Cumprindo así cos compromisos acadados para mellorar a seguridade vial e peonil en varios puntos do Camiño que atravesa estradas provinciais”, subliñou Silva.

A Presidenta da Deputación tamén informou os presentes que ten solicitado unha entrevista co novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para “traballar de cara a que as infraestruturas que dependen do goberno central estean en óptimas condicións xa que non podemos esquecer que o ano 2021 é Xacobeo e polo tanto as infraestruturas da Deputación, da Xunta e do Goberno teñen que estar como unha patena”, recalcou Silva.

Con respecto a sinalización a Presidenta informou que o proxecto que desenvolve a Deputación prevé unha mellora “substancial do camiño Portugués” en todas as infraestruturas dependentes da institución provincial. Igualmente Carmela Silva tamén realizou unha breve referencia as distintas promocións que dende a institución provincial desenvolvéronse nas localidades de Madrid, Córdoba, Porto e Braga e na feira de Fitur onde o Camiño Portugués na provincia tivo un importante protagonismo.

Por último, Carmela Silva destacou a súa satisfacción polo descorrer da Mesa do Camiño que vai asumindo todos os compromisos acadados durante os últimos anos e mantén un vínculo trimestral de información entre todas as administracións presentes “traballando de xeito unido para mellorar a promoción e as infraestruturas dos concellos polos que percorre o camiño na provincia”.

Deja un comentario