+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A COMARCA DE VIGO ACOLLE ESTE MES DE XULLO 18 NOVAS ACCIÓNS FORMATIVAS DO PROGRAMA “SMARTPEME”


“SmartPeme” lanza este ano tres novas grandes liñas de apoio ás empresas: SmartPeme Impulsa, TurisTIC e o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED)

As oficinas do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante o mes de xullo un total de 18 accións formativas (seis en cada unha delas) para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia de Pontevedra ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

Na oficina de Vigo esta semana comezou o curso “Aprende e usa a tipografía axeitada para comunicarte” e o “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet”. O curso “Facebook Ads” chegará o xoves 12. O seguinte martes 17 de xullo impartirase “Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO”. O xoves 19 de xullo será a quenda de “Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio”, ás 19 h. Para rematar, o luns 23 de xullo á mesma hora, terá lugar o curso “Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl”. A oficina “SmartPeme” de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os obradoiros: “Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico”, este xoves 5 ás 19:00 horas. A seguinte será “Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico”, o martes 10 á mesma hora. A ela seguiralle “Todo o que necesitas saber sobre Google Apps for Business”, o martes 17 ás 18:00 horas. Esa mesma semana, o xoves 19, ás 19:00 horas, impartirase o curso “Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?”. A formación “Crea unha páxina profesional con WordPress” chegará o luns 23 de xullo, nesta ocasión ás 18:00 horas. Xa por último, o martes 31 de xullo, ás 19:00 horas, “Google Analitycs: iniciación á analítica” será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina “SmartPeme” de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

A oficina do Porriño acolle desde esta semana o curso “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet” e o de “Crea unha páxina profesional con WordPress” chegará o martes da semana seguinte, 10 de xullo. A acción “Ferramentas de google para a promoción de negocios locais” terá lugar o xoves 12 de xullo, ás 19:00 horas. O martes 17, á mesma hora, será a quenda de “Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico”. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19:00 horas, impartirase o curso “Crea un Plan de social media para a túa empresa turística”. E, por último, o martes 31 de xullo á mesma hora terá lugar “Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo”. A oficina “SmartPeme” do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.

“SmartPeme” desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas a ser máis competitivas na contorna económica actual. O programa abre tres grandes liñas: o “Centro Provincial de Economía Dixital” (CPED), no viveiro de empresas de Barro, “SmartPeme Impulsa” e “TurisTIC”. A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

“SmartPeme Impulsa” abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais. Finalmente “TurisTIC” erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo.

Deja un comentario